O sector primario destruíu 4.800 postos de traballo en 2021 e xa roza mínimos

Nos últimos cinco anos perdéronse 11.500 empregos no sector primario galego.
A falla de remuda xeracional é un dos principais problemas do sector primario para consolidar o emprego no rural galego (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A falla de remuda xeracional é un dos principais problemas do sector primario para consolidar o emprego no rural galego (Foto: Xunta da Galiza).

O cambio de paradigma durante a crise da Covid, coas persoas apostando novamente nos produtos do campo galego, non foi quen de frear o progresivo deterioro que sofre o sector primario no país, agudizado nos últimos tempos por un forte incremento dos custos, que leva a que moitas das explotacións existentes decidan botar o feche antes de seguir agrandando as súas perdas.

Os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) constatan esta realidade, que parecía ter cambiado no último ano, pois en 2020, após catro anos sen facelo, aumentara a ocupación no sector primario ─que engloba agricultura, pesca e gandaría─ en 4.000 persoas, un feito que fontes do sector atribúen a que en períodos de crise estes actúan como refuxio para persoas que perden o emprego e regresan á casa e ao negocio familiar.

Porén, 2021 levou por diante este crecemento e agravou a situación. En total, o pasado ano destruíronse 4.800 empregos no sector, o que supón unha media de 13 ao día. E o peor é que ningún outro territorio, nin tan sequera aqueles con máis persoas ocupadas, como Andalucía Murcia ou Castela-A Mancha, destruíron tantos empregos o pasado ano como a Galiza. 

As 65.900 persoas ocupadas ao fechamento do pasado ano no sector primario representan 14,86% menos das 77.400 rexistradas no último trimestre de 2016, segundo os datos do IGE.

Menor presenza feminina

Nestes cinco últimos anos a Galiza perdeu 11.500 traballadores e traballadoras no sector primario ─nese período aumentaron en 23.400 no conxunto estatal─, aínda que por sexos, a caída do último ano golpeou principalmente os varóns, que sumaron 97,7% do total das baixas.

Con todo, as mulleres perderon protagonismo nas explotacións. Agora representan 35,9% do total, cando dez anos atrás, en 2011, representaban 43,45% do total. Daquela tamén eran case 11.000 máis que agora.

Todos estes descensos achegan perigosamente as cifras de ocupación no sector a mínimos históricos. Está a só 300 persoas do mínimo de 2015 (65.600) e a algo menos de 3.000 do rexistro máis baixo, que data do ano 2014 (63.300).

Principais causas 

Detrás deste abandono progresivo da actividade emerxen moitas causas. A principal delas é o significativo aumento dos custos de produción, tanto dos pensos e as forraxes para a alimentación dos animais, como dos enerxéticos, que non se están a ver compensados cunha mellora do prezo que pagan os diferentes actores da cadea alimentaria pola produción das granxas agrícolas e gandeiras do país. 

A estas hai que engadir o recorte das axudas e a falta de remuda xeracional á fronte das explotacións. Neste último caso, desde o sector destacan que case un terzo están xestionadas por persoas maiores de 65 anos, mentres que só 10% teñen á fronte unha persoa menor de 35 anos. Ademais, ante a actual situación dos mercados, que leva en moitos dos casos a vender a perdas, non son poucas as persoas maiores que deciden retirarse antes da xubilación para non facer máis avultados os números vermellos.

Comentarios