O sector do viño suma interrogantes en ausencia do protocolo da Xunta

O presidente da Xunta e líder do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, anunciou o inicio de probas da Covid-19 o 20 de agosto, ás portas das primeiras vendimas. Porén, até o día 21 o sector non recibiu o correo do Sergas no que se lle solicita os datos dos xornaleiros e xornaleiras coas que contarán. A ausencia do protocolo anunciado pola Xunta tamén abriu numerosos interrogantes
Vendima (Imaxe: Sindicato Labrego Galego).
photo_camera Vendima (Imaxe: Sindicato Labrego Galego).

O 12 de agosto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, informou de que o comité clínico estaba a analizar un protocolo de actuación relativo as traballadoras e aos traballadores temporeiros. A pasada cuarta feira, anunciou a aprobación do protocolo e o comezo, o día 20, das "entre 3.000 e 4.000 probas diagnósticas" da Covid-19 a ese persoal. Un avance que espertou numerosas dúbidas do sector, que non tiña máis coñecemento das medidas que o anuncio do líder do Executivo galego.

"Eu traballo nun servizo de prevención de riscos na área de Valdeorras, asesoramos bodegas que nos chamaron despois do anuncio para informarse dos detalles do protocolo, pero nós tampouco tiñamos esa información. Chamamos o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral da Galiza, á Consellaría de Medio Rural e mais a Inspección de Traballo, mais tampouco sabían nada", explica a Nós Diario un profesional do sector que prefire non compartir o seu nome.

Na propia xornada na que estaba previsto o inicio das probas, nin os sindicatos agrarios nin as adegas contactadas por este medio tiñan coñecemento de como se organizarían. Foi onte cando recibiron un correo electrónico remitido polo Servizo Galego de Saúde no que se lles solicita ás empresas que faciliten os datos dos xornaleiros e xornaleiras que contratarán para a tempada.

Porén, desde o Consello Regulador da Denominación de Orixe de Monterrei e mais da Fundación Amigos de Galicia, que media entre as adegas e persoas con dificultades de inserción laboral, indican que non recibiron máis información ca esa. O protocolo, como tamén confirma a Consellaría de Sanidade a este medio, segue sen estar dispoñíbel no portal da Xunta sobre o coronavirus. Mentres, as dúbidas no sector medran.

"Hai empresas que apalabraran connosco someter a tests rápidos ao persoal temporeiro por motivos de seguranza e que agora non saben como proceder. Tamén hai adegas que fan paróns entre colleita e colleita e que non teñen claro se os traballadores teñen que volver facer a proba", exemplifica o profesional de prevención, que fai fincapé en que algunhas compañías de Monterrei tiñan programado arrancar a vendima a vindeira segunda feira "e agora non saben que facer". 

Medidas de seguridade

A Consellaría de Sanidade informa a Nós Diario de que son as áreas sanitarias as que se encargarán de contactar co persoal, a través dos datos fornecidos polas empresas, e realizarlles as probas da Covid-19. A maiores, detalla que o protocolo se divide en tres eidos: "vixilancia, prevención e control” da Covid-19".

As empresas, sinala Sanidade, deberán impartir formación ao persoal sobre a sintomatoloxía da doenza e achegar o material de protección necesario durante aos labores agrícolas. O documento inclúe directrices "destinadas a maximizar a seguridade no caso de que os traballadores residan en aloxamentos proporcionados pola empresa ou entidades municipais".

Aloxamentos dignos

O 3 de agosto, o Goberno do Estado publicou unha guía destinada a campañas con temporeiros. Entre outras cuestións, incluía a obrigatoriedade da máscara e a distancia física obrigatoria dun metro e medio. O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, incidiu na necesidade de que os aloxamentos non teñan "condicións que non sexan correctas desde o punto de vista sanitario e da dignidade humana".

A guía foi lanzada a raíz dos contaxios detectados neste tipo de campañas en todo o Estado. Na Galiza, no municipio de Castro de Rei localizouse un foco de coronavirus en persoal que traballaba na campaña do amorodo, con seis persoas contaxiadas que foron illadas dos compañeiros cos que compartían vivenda. 
 

Comentarios