O sector do telemárketing protagoniza unha nova greve en Galiza por un convenio digno

CIG destaca o “amplo seguimento” do protesto e a participación de centos de traballadores nas mobilizacións no noso país.

CIG centros de chamadas greve
photo_camera Imaxe: CIG

“Se non désemos a batalla, se non fixésemos un conflito, a estas alturas teriamos un convenio de merda”. Laura Pérez, representante da CIG na negociación do convenio, manifestábase así de contundente nunha conversa con Sermos Galiza con motivo dunha vaga de mobilizacións do sector do telemárketing ou centros de chamada, que en Galiza supón uns 8.000 traballadores. Estra quinta feira o sector volveu, máis unha vez, protagonizar unha greve. A primeira de 2017 e que vén a se sumar ás greves, paros e mobilizacións que tiveron lugar en 2016, moitas delas convocadas en solitario pola CIG, sindicato maioritario no sector.

Desta vez, a convocatoria responde a que na reunión do pasado 11 de xaneiro a patronal retirou as propostas de suba salarial e de horas médicas. O posicionamento da empresa, se ben xa non se trata d unha ofensiva contra os dereitos e conquistas dos empregados –como foi hai meses- trata de paralizar e retrasar calquer avanzo. Por iso esta greve, que a CIG afirma que ten un amplo seguimento entre os traballadores do sector.

Centos de persoas en total, segundo a central nacionalista, tomaron parte nas manifestacións de Vigo e A Coruña e a concentración de Lugo. A CIG apelou a manter o nivel de mobilización de cara a atinxir un convenio digno.

Comentarios