O sector do metal secunda a folga en protesta pola sinatura do seu convenio

A xornada reivindicativa comezou en Vigo coa paralización de todo o sector naval e un paro de entre 50% e 60% no resto de empresas, segundo datos facilitados pola CIG.
O sector do metal manifestouse esta cuarta feira polas rúas de Vigo durante a folga convocada pola CIG (Nós Diario).
photo_camera O sector do metal manifestouse esta cuarta feira polas rúas de Vigo durante a folga convocada pola CIG (Foto: Nós Diario).

O sector do metal das comarcas de Pontevedra amosou esta cuarta feira cunha folga o seu descontento coa aprobación do convenio realizada esta semana entre a patronal e os sindicatos UXT e CCOO. Segundo fontes da CIG, as empresas do naval pararon por completo e o resto de factorías do metal secundaron o paro entre un 50% e un 60%. Nalgunhas empresas importantes, como son GKI, Ganain ou Ganomagoga, a actividade cesou por completo.

A xornada reivindicativa comezou en Vigo cunha asemblea comarcal de delegadas e delegados a primeira hora en Bouzas para continuar cunha manifestación que rematou diante da delegación da Xunta da Galiza. Tamén houbo concentracións na cidade de Pontevedra e en Vilagarcía de Arousa.

Desde a CIG critican nun comunicado que as entidades empresariais Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), Asociación Autónoma de Empresarios de Talleres de Reparacións de Vehículos de Pontevedra (ATRA) e Asociación de Empresarios de Electricidade e Telecomunicacións de Pontevedra (Instalectra) "aproveitaran a crise sanitaria para avanzar na precariedade do persoal, cando moitos dos sectores nos que se aplica o convenio non están afectados ou incluso algúns, como a actividade farmacéutica, viron incrementada a súa facturación no último ano".

Plataforma dos traballadores do metal

Días antes da firma do convenio creábase unha Plataforma dos Traballadores do metal, integrada por operarios de auxiliares na súa maioría do naval, coa intención de defender os seus dereitos sociais e económicos. Criticaron a postura dos sindicatos que asinaron o acordo e mostraron a súa desconformidade o día 1 de maio durante a manifestación que realizaron UXT e CCOO.

Este 12 de maio tamén secundaron a folga concentrándose diante das instalacións da empresa Freire e realizaron unha marcha alternativa. Sinalan nun comunicado que a actitude de CCOO e UXT "resulta incomprensíbel, desmarcáronse de todas as reivindicacións obreiras" e "cinguindo todo a unha simple cuestión salarial, mantendo de forma consciente no convenio os mesmos problemas que arrastramos desde hai anos".

Coa ollada posta en futuros convenios

Para Xulio Fernández, secretario comarcal da CIG-Industria en Vigo, a sinatura deste convenio foi "unha traizón, sen consultar as delegadas e delegados nin tampouco o sector". Este sindicalista asegura que o acordo "causa precariedade nas condicións que até agora tiñamos". 

Entende que "se tiran por terra xornadas históricas de quince días de loita e de mobilización" coa aprobación de que "a compañeiros eventuais se lles quiten 90 euros de media de salario a cambio de seguir sendo chantaxeados á fin do contrato". Denuncia que toda a negociación estivo centrada "nas propostas da patronal e non na dos sindicatos". Como resultado deste acordo, Fernández apunta que se levou "a un sentimento de fraqueza e de derrota que temos que parar para futuros convenios".

Comentarios