E CONTRA O RECORTE DOS TOPES DE CAPTURA

O sector do mar convoca unha manifestación nacional contra as políticas da Xunta de Galiza

A Federación de Confrarías de Pescadores acordou convocar unha manifestación á que están chamados os diferentes sectores do mar para protestar contra as políticas da Xunta de Galiza e contra os recortes nos topes de captura promovidos por Bruxelas e aceptados polos Gobernos galego e de Madrid.

[Imaxe: Flickr/O roxo] Barcos de pesca
photo_camera [Imaxe: Flickr/O roxo] Barcos de pesca

A Asemblea da Federación de Confrarías de Pescadores aprobou convocar unha manifestación nacional, na que se prevé que participen todos os sectores, como medida de protesto contra a Consellaría do Mar polas políticas contrarias aos intereses da Galiza que acomete, tal e como denuncian os traballadores e traballadoras do sector.

A través da mobilización, que terá lugar o 27 de febreiro en Compostela baixo o lema “Defendamos o mar”, o sector quere expresar a súa repulsa aos topes máximos de captura determinados por Bruxelas e aceptados polos Gobernos do PP en Madrid e na Galiza. “A iniciativa parte da Federación e responde a que non estamos contentos coas medidas adoptadas pola Consellaría do Mar, que traballa nunha Lei de Acuicultura que prexudica toda Galiza, e todos os recortes que sofren as distintas frotas do cerco, da volanta, do xeito...”, indica en declaracións a Sermos Galiza Andrés García, patrón maior de Sada.

Andrés García: "Convidamos bateeiros, mariscadoras, sindicatos... a s unir e a se manifestar o día 27 para poder vivir do mar"

“Convidamos todo o sector, bateeiros, mariscadoras, redeiras, sindicatos... a se unir e a se manifestar nas rúas de Compostela o día 27 para reclamarmos poder vivir do mar”, engade o patrón maior de Sada, que tamén pertence a Acerga, a Asociación de Armadores do Cerco da Galiza.

Unha manifestación adiada

Outras fontes consultadas por Sermos Galiza explican que a manifestación ía ser convocada para o mes de novembro, antes das eleccións xerais. Porén, o presidente da Federación de Confrarías, Tomás Fajardo, impediu que o protesto tiver lugar antes do 20D alegando cuestións formais –sinalaba que a mobilización non podía ser convocada por non aparecer recollida na orde do día da reunión na que foi proposta--. “Nesta ocasión non lle quedou máis remedio que convocala, pois estaba na orde do día e era unha petición unánime”, salientan as fontes.

O presidente da Federación de Confrarías segue á fronte do colectivo malia ter o 62% dos votos en contra

Pola outra banda, Fajardo someteuse na mañá do sábado a unha cuestión de confianza na que 62 persoas dun total de 100 asistentes votaron en contra da súa xestión. Malia asegurar que de contar con máis do 60% de votos en contra dimitiría, o presidente da Federación viu “superada a proba”. 

O presidente da Federación xustificou a decisión de seguir á fronte da entidade advertindo de que o censo se eleva ás 126 persoas e non ás 100 que participaron na Asemblea na que se someteu á cuestión de confianza. As máis das voces critican que continúe no cargo malia suscitar tanto rexeitamento entre Confrarías.

Comentarios