A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, confirmou esta segunda feira a imposición de "penalidades económicas" á empresa concesionaria das bibliotecas municipais —Servizos Bibliotecarios LTM— por non cumprir "as súas obrigas" recollidas no prego a respecto do pagamento dos salarios do seu persoal.
Esta compañía non realizou o ingreso da paga extra de verán aos 77 empregados e empregadas da rede no tempo marcado polo Concello, isto é, "antes das 14 horas da pasada sexta feira".
A rexedora apuntou que ese día, 8 de xullo, o Goberno municipal comunicou á empresa que se non pagaban aos empregados do servizo a nómina extra habería "sancións". "Como non a aboaron xa se impuxeron as sancións", apostilou agora, sen confirmar o importe das mesmas. "Non sei a cantidade exacta, é en función do que aparece nos pregos", explicou.
A alcaldesa non desbota rescindir o contrato
O persoal exixe cobrar a extra do pasado mes de xuño e garantir a cobranza dos seus salarios de cara aos próximos meses, segundo informou a alcaldesa, que anunciou que, se non se realiza o pagamento, "abonarao o Concello". En último caso, non desbotou a opción de "rescindir o contrato".
Calendario de mobilizacións
Esta situación de falta de pagamento levou os empregados da rede de bibliotecas municipais da Coruña a programar un calendario de mobilizacións que incluíu varias xornadas de folga e concentracións ás portas do Concello.
Inés Rei manifestou que desde María Pita están a tomar "todas as medidas necesarias" e "axilizando o máximo posíbel" os trámites para garantir que estes traballadores cobren os seus salarios, se ben se trata de procedementos administrativos que "levan o seu tempo", dixo.
Apoio da oposición
Na concentración que decorreu esta segunda feira o BNG acompañou o persoal bibliotecario para reclamar unha solución. "O problema é que pasou a sexta feira, pasou o sábado e pasou o domingo e as traballadoras continúan sen cobrar o que lles corresponde. E tampouco sabemos que medidas adoptou o Goberno local porque non fixo ningunha comunicación pública ao respecto", lamentou a concelleira Avia Veira.
"Entendemos que ás veces a burocracia é lenta, mais o que sería desexábel é que o Goberno local estivese en comunicación constante co Comité de Empresa e este estivese puntualmente informado dos pasos que dá aquel", engadiu, ao tempo que instou a rexedora a pasar "das palabras aos feitos".
A oposición levaba tempo instando o Goberno de Inés Rei a aportar solucións ao conflito
Tamén desde a Marea Atlántica solicitaron a adopción de medidas urxentes ante este impagamento. "Dixémolo claro no Pleno. A única solución definitiva para que isto non se repita é remunicipalizar todas as bibliotecas. Un servizo cultural básico non debe estar externalizado. Pero o primeiro, o urxente, é pagar os salarios", sinalou a formación.
"O silencio do Goberno é máis atronador que as protestas do cadro de persoal", criticou a súa voceira, María García, lembrando que as traballadoras e traballadores demandaban á alcaldesa "cumprir o prometido".
Mesmo o Partido Popular, tamén na oposición coruñesa, acudiu á concentración para lamentar que Rei seguise naquela altura "sen facer nada", se ben finalmente o Goberno advertiu da sanción imposta á compañía.