O salario por hora na Galiza sobe menos dun euro en sete anos

O salario medio por hora situouse en 8,6 euros en 2019. Mulleres e mocidade son os colectivos que menos cobran, segundo un informe do Instituto Galego de Estatística (IGE).
Moedas e billetes en euros. (Foto: Europa Press)
photo_camera Moedas e billetes en euros (Foto: Europa Press).

Na Galiza o salario medio por hora situouse en 8,6 euros en 2019, polo que experimentou un incremento de menos de un euro en sete anos, se se analiza a serie histórica que publica esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así, en 2012 o dato era de 7,9 euros a hora, e pasou aos 8 en que se mantivo entre 2013 e 2015, os 8,1 de 2016, en 2017 e 2018 escalou aos 8,4, ata chegar aos 8,6 de 2019.

Se temos en conta as grandes cidades, o maior salario medio por hora teno A Coruña, con 10,2 euros, seguida de Compostela, con 10,1.

Tamén por enriba do media mais por baixo dos 10 euros hora, sitúanse Vigo (9,6) e Pontevedra (9). Rematan a listaxe Ferrol, que igualaría a media galega (8,6), Ourense (8,4) e Lugo (8,1). 

Fenda e vida laboral

No relativo ás diferenzas por sexo, os salarios medios e os medianos nas cidades son superiores en homes que en mulleres. Segundo idade, o IGE afirma que ao aumentar a idade aumentan os salarios. As persoas de 55 e máis anos son as de maiores salarios e estes son máis elevados na Coruña, Compostela e Vigo.

Por outra banda, o tipo de contrato é unha dos variábeis determinantes do nivel salarial, segundo constata a estatística.

Os salarios son superiores para persoas con contrato indefinido. Mentres, o salario medio das persoas con xornada a tempo parcial é menor que o das que están a xornada completa.

Por outra banda, a explotación da mostra continua de vidas laborais reflicte que o 17,8% dos galegos que en 2019 estiveron afiliados en alta laboral por conta allea percibiu un salario total menor ou igual aos 6.000 euros anuais.

Comentarios