'Que sabes do TTIP?'

A CIG enceta un ciclo de conferencias para dar a coñecer o contido e consecuencias do Tratado de Libre Comercio que negocian a UE e os EUA.

TTIP
photo_camera [Imaxe CIG]

'Que sabes do TTIP?'. Esa é a pregunta que lanzan desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) ao conxunto de traballadoras e traballadores no ciclo de palestras que está a desenvolver arredor do Tratado de Libre Comercio entre os EUA e a UE. A resposta na maior parte dos casos é tamén un interrogante. 

O escurantismo no que se están a dar as negociacións e as escasas filtracións que trascenderon a respeito do contido das mesmas tradúcese no descoñecemento absoluto por parte da poboación das consecuencias que terá este novo marco normativo de se chegar a materializar. Neste senso, desde a central sindical nacionalista decidiron iniciar unha rolda de conferencias nas que explicar os principais puntos do Tratado e as consecuencias que carrexaría a súa aprobación. 

Até o momento desenvolvéronse xa nas pricipais cidades galegas --agás en Ourense que terá lugar o 28 de febreiro. Nelas, a central sindical, através do seu secretario xeral, Suso Seixo, advertiu que "o primeiro paso" para iniciar unha "resposta" popular ao TTIP é "coñecer" a súa existencia e crear "conciencia cidadá" arredor del, pois, aseguran, "sen ser aprobado" trátase dun dos tratados que "afondarán máis na desregulación de todos os ámbitos". 

Desregular o mercado de traballo

E é que o Tratado de Libre Comercio (TLC) ou TTIP, nas súas siglas en inglés, afectará o marco laboral mais tamén o ambiental, sanitario, alimentar, financeiro e do sector servizos. 

Así, salientan desde a CIG, o obxectivo do tratado é "eliminar os aranceis", "harmonizar a lexislación" e "fixar mecanismos xurídicos que garantan os beneficios dos investidores financeiros" en múltiples planos, na procura de equiparar as condicións xurídicas entre os EUA e a Unión Europea.

A CIG asegura que "o primeiro paso" para dar unha "resposta" popular ao TTIP é "coñecer" a súa existencia e as consecuencias das reformas que prevé

No concreto, advirten, traducirase nunha "rebaixa" das condicións de traballo europeas para as aproximar ás estadounidenses cuns "estándares moi inferiores". Por exemplo, explican desde a CIG, nos EUA "non se recoñece un Salario Mínimo Interprofesional nin o dereito a folga ou a negociación colectiva". Neste senso, fronte aos 133 convenios asinados polo Estado español coa Organización Internacional do Traballo (OIT) os EUA só teñen 14. 

En materia alimentar, ambiental e de saúde prevese a eliminación do principio de precaución actualmente en vigor na UE. Un feito que permite a aplicación de medidas protectoras perante aqueles produtos ou tecnoloxías que puidesen ser prexudiciais para a saúde como a carne bovina tratada con hormonas ou o uso de químicos nocivos nos procesos industriais. 

Liberalización financeira e dos servizos públicos

Así mesmo, prevé a desregulación financeira permitindo a flutuación de capitais sen restrición nen capacidade de control algún. Aliás, contempla a liberalización dos servizos públicos e a capacitación de calquera empresa ás dúas beiras do Atlántico para acceder a concursos de xestión pública incluídos a sanidade, a educación ou as obras públicas en calquera dos distintos niveis administrativos. Estes servizos son considerados polas grandes empresas transnacionais como un importante nicho de mercado. 

A respeito das transnacionais, o TTIP estabelece o denominado mecanismo de Resolución de Disputas entre Inversores e Estados (ISDS). Mediante este órgano as multinacionais van poder demandar aos estados se se senten prexudicadas nos seus intereses polas decisións que os gobernos adopten en calquera materia.

As demandas presentaríanse en tribunais de arbitraxe internacionais, de carácter privado, integrados por tres membros (un nomeado polo estado, outro polo investidor e outro “neutral”), cuxos laudos son de obrigado cumprimento e non son recorríbeis. Por norma, estes árbitros son avogados/as de grandes bufetes e estes casos poden custar entre 6 e 22 millóns de euros. De feito, xa existe unha elite internacional de xuristas que actúan como xuíces nestas arbitraxes e que reparten a maioría dos casos.

Perante esta realidade desde a CIG xa lanzaron un chamamento internacional para a convocatoria dunha folga xeral no Estado español através da plataforma social europea Alter Summit. A data coincidiría cunha xornada de loita que abranguería o conxunto da UE e os EUA e que podería ter lugar arredor do 18 de abril. Data que aínda se estaría a valorar. 

Comentarios