Á rúa polos dereitos laborais do persoal público

Traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza manifestáronse en Compostela contra a "perda de dereitos". 

Mobilización xunta de persoal Xunta
photo_camera [Imaxes SG]

Distintos sectores do cadro de persoal público dependente da Xunta de Galiza mobilizáronse esta quinta feira (26 de novemebro) polas rúas da capital de Galiza na defensa dos seus dereitos laborais. Foi convocada polas organizacións sindicais CIG, CC.OO, UGT e CSIF. 

Desde o ano 2012 a este persoal atínxelle a "anulación" do artigo 19 do V Convenio Laboral polo que se regulan os tempos de descanso e feriados. Persoal forestal, como Carlos Rocha, ou coidadoras de residencias públicas como Julia López, traballan desde entón "máis días". 

"É absurdo crer que é igual traballar de luns a luns que de luns a venres", afirma Carlos Rocha en conversa con Sermos Galiza após a saída da manifestación do Pazo do Hórreo. "Os servizos contra incendios non se ampliaron" embora "suprimiren a compensación" de días feriados e de libranza que viña rexendo o persoal. 

Isto provocou, denuncia, "máis sinistralidade laboral" que se "multiplicou". Rocha apunta directamente a un aumento dos "accidentes laborais" e tamén de "doenzas comúns". "Traballamos máis e temos menos dereitos", di. Unha situación que describe tamén Julia López, traballadora dunha residencia para persoas con diversidade funcional psíquica de Sarria. 

Dez días sen interrupción

Ela e as súas compañeiras saíron á rúa para "explicar" á veciñanza "e aos familiares das persoas que coidamos, como a Xunta está a tratar o persoal que traballamos a quendas", sinalan nunha voandeira que leva gardada acarón dun cartaz no que exixe a "restitución do artigo 19 XA!". 

"Os labores que desenvolvemos diariamente con persoas con discapacidade física e psíquica exixe que estexamos ao 100%"

"Desde abril de 2012" perderon os "dous días de descanso" que lle daban após traballar unha fin de semana pasando unicamente a "un e medio" que, na práctica, explica, supón traballar "33 días máis ao ano".

"Antes por traballar un domingo ou feriado aplicábannos un descanso adicional que agora non nos dan, nen o pagan como fan noutras consellarías" mais si Benestar Social. 

Julia e as súas compañeiras traballan nunha residencia para persoas con diversidade funcional psíquica. "Algúns meses só libramos unha fin de semana, con quendas de 7 días continuados ou de 10" nas que só contan con "un día e medio" para descansar. "Os labores que desenvolvemos diariamente con persoas con discapacidade física e psíquica exixe que estexamos ao 100%", afirman apelando á "responsabilidade que require este tipo de traballo". 

Aliás, denuncian o "esgotamento físico e psicolóxico" máis tamén o "estrés" que lle supón ao persoal.

Comentarios