VI Congreso Nacional

Ricardo Castro retorna á secretaría xeral da CUT, que se define como sindicato socio-político e de clase

CUT VI Congreso

Ricardo Castro volve asumir a secretaría xeral da CUT, substituíndo a Manolo Caamaño, que pasa a ocupar a responsabilidade das áreas de Internacional e Movementos Sociais. A Central Unitaria de Traballadores (CUT) realizou esta fin de semana en Vigo o seu VI Congreso Nacional, no que tomaron parte por volta de 250 persoas. A cita, que se desenvolveu baixo o lema ‘Invertir a pirámide’, tiña como un dos seus obxectivos actualizar “unha ferramenta sindical imprescindible para a clase traballadora galega”, máxime nun escenario histórico “ extremo, pola exacerbación, a explotación e a negación de dereitos básicos por parte das forzas do capital”.

Neste contexto, a CUT aproveitou para reivindicar neste congreso o seu carácter de sindicato socio-político, entendéndose máis ca nunca como “unha peza partícipe do proxecto de ruptura e emancipación nacional”. O sindicato mostrou o seu apoio ao proceso catalán e ao dereito á autodeterminación de todos os pobos do mundo.

A única candidatura que se presentou para conformar o novo Secretariado Nacional, máximo órgano deste sindicato entre congresos, foi aprobada por aclamación.

Para alén de Ricvardo Castro e Manolo Caamaño, fan parte do Secretariado Nacional Andrea de Francisco (Formación), Raquel Lema (Comunicación), Jerónimo Peláez (Arquivo e Documentación), Ana Viqueira (Secretaría das Mulleres), Brais González (Asesoría Xurídica), e Eva Pallas e Maruchi Álvarez, que asumen colexiadamente a área de Finanzas. A Acción Sindical, que a CUT considera estratéxica, estará dirixida por Berto Covelo, Manu Salgueiro e Raquel Lema. Súmanse ao órganos os secretarios comarcais,  Andrea Lamas por Compostela, Demelsa Piñeiro pola Coruña, Natalia Moure por Vigo, Manuel Cabral polo Morrazo e Xosé Martínez Muñíz polo Barbanza.

Comentarios