Rexeitamento de CIG e BNG á nova reforma das pensións

O sindicato e a formación nacionalista critican que o novo acordo non garanta unhas pensións dignas para a poboación.
photo_camera Protesta do colectivo de pensionistas da CIG en Vigo (Foto: CIG).

Após coñecerse o acordo entre Goberno español e axentes sociais para reformar o sistema público de pensións, as reaccións na Galiza non se fixeron esperar. Desde a CIG rexeitaron "tanto as formas como o fondo" dun acordo que "non reforza o sistema público". Denuncian que a reforma acordada "é insuficiente e mesmo regresiva" porque seguirá en vigor na súa integridade a "brutal reforma" de 2011 que supuxo unha forte caída nas contías das pensións ─arredor dun 25%─ pola ampliación progresiva da idade de xubilación até os 67 anos e do período de cálculo, que pasou dos 15 aos 25 anos. 

Para a central sindical, a nova modificación non garante o poder adquisitivo das prestacións. Ademais, di que penalizar a xubilación anticipada, atrasar máis a xubilación e fomentar a vida laboral constitúe "un retroceso inxustificábel e inxusto", porque demora a entrada da xente nova no mercado laboral e prexudicará moitos sectores da clase traballadora, que ficarán condenados a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico.

Por iso, o seu secretario xeral, Paulo Carril, considera que o chamado diálogo social "amósase unha vez máis como unha vía contraria aos intereses da clase traballadora e da defensa do sistema público de pensións".

Carril tamén é crítico coas formas dun acordo que se produciu "á marxe da discusión nos ámbitos institucionais de representación onde estamos os sindicatos máis representativos, que somos a CIG e mais ELA, ademais de CCOO e UXT".

Postura do BNG

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, tamén se amosou contrario a un acordo que penaliza as xubilacións anticipadas e que non prevé aumentos das pensións mínimas por riba das subidas do resto. Segundo lembrou o deputado nacionalista, o Goberno español comprometérase a elevar as pensións mínimas por riba do IPC, indicador que a reforma impulsada polo ministro José Luís Escrivá contempla recuperar para subir estas prestacións.

Por último, Rego avisa de que o anunciado 'factor de equidade interxeracional' "poderá ter os mesmos efectos negativos", e que outras medidas, como o apoio aos plans de empresa ou o posíbel aumento dos anos cotizados para calcular a pensión, que suporían "novos recortes" no sistema público de pensións.

Comentarios