A reunión entre Vestas e o comité de empresa remata sen acordo

A empresa insiste en manter o ERTE e negociar de forma paralela cos traballadores e a Administración
Traballadores de Vestas durante a protesta en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Traballadores de Vestas durante a protesta en Compostela (Foto: Arxina).

A reunión entre a dirección de Vestas e o comité de empresa da factoría de Viveiro para abordar o expediente de regulación de emprego (ERE)  extintivo na planta de Chavín concluíu sen acordo nin entendemento entre as partes.

Segundo apuntan desde a representación dos traballadores e traballadoras, a dirección "está  enrocada e non retira o ERE baixo ningún concepto".

A paralización do ERE era un dos obxectivos marcados na xuntanza da mesa industrial da pasada terza feira, coa idea de deixar o factor tempo fóra da negociación.  

Nesta liña, o persoal da fábrica de compoñentes eólicos de Viveiro insiste na necesidade de pór o contador a cero "para garantir a negociación en tempo dunha saída e lograr o correcto funcionamento da mesa industrial".

Negociación paralela

Porén, segundo apuntan, "Vestas escapa desa mesa e propón unha negociación paralela sen parar en ningún caso o reloxo". 

Así o critica o presidente do comité, David Mariño, quen indicou que a proposta da negociación paralela foi rexeitada polo comité, que entende que é na mesa industrial "onde se poden facer realidade as posíbeis saídas" ao conflito, ao dispor "dos mecanismos necesarios".

O persoal da fábrica de Viveiro indica que seguirá loitando para protexer os postos de traballo e tentará forzar Vestas a participar "activamente" na mesa industrial, que está previsto que se volva a reunir no día de hoxe.

A última xuntanza, que tivo lugar esta terza feira, serviu para avanzar na procura dun proxecto alternativo que garanta o emprego na factoría da Mariña. 

Está por ver se Vestas formará parte dese proxecto industrial ou decide dar un paso cara un lado para facilitar o camiño a un novo proxecto industrial.

Comentarios