5.500 sinaturas para exixir o indulto do ex secretario comarcal da CIG en Ferrol Xesús Anxo López Pintos

O sindicalista foi condenado a seis meses de prisión após participar nunha mobilización en 2012.
Concentración para pedir o indulto de López Pintos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración para pedir o indulto de López Pintos. (Foto: Europa Press)

Representantes dos sindicatos CIG, CCOO, UXT e CXT rexistraron na mañá desta segunda feira na sede da Delegación do Goberno español na Galiza unha solicitude de indulto, avalada por 5.500 firmas, para o ex secretario comarcal da CIG en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, condenado pola Audiencia da Coruña por uns feitos ocorridos durante unha mobilización do sector naval en 2012, convocada polos comités de empresa de Poligal e Navantia para protestar contra as "políticas de recortes" do Executivo de Mariano Raxoi.

Ademais da solicitude e das sinaturas, tamén se entregaron algunhas adhesións aprobadas polos plenos de varios municipios de Ferrolterra, entre eles Ferrol, Narón, Ares, Neda e Cabanas, e por comités de empresa de varias compañías da comarca.

No acto do rexistro estiveron presentes os secretarios xerais de CIG, Paulo Carril e de CCOO Galicia, Amelia Pérez, ademais de Jorge Ulla, en representación de UXT, e Xabier Losada, en representación da CXT. Para as organizacións sindicais, o indulto está xustificado porque a condena pretendía ser un "escarmento á loita sindical e á mobilización social".

Así, Carril detallou que, aínda que a Audiencia da Coruña acordou no seu momento a suspensión da pena, "fai falta" este paso adicional e que "verdadeiramente se faga xustiza co compañeiro Pintos", algo que "pasa porque o Goberno español, que ten esta potestade política, lle conceda o indulto".

“Criminalizar” a mobilización social

Segundo o secretario xeral da CIG, coa detención e o posterior procedemento xudicial "non se buscaba unha condena contra Pintos como persoa individual, senón perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as condicións laborais e de vida".

Neste sentido, exixiu que o indulto ao ex secretario da CIG de Ferrol sexa "como un símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, a defensa das liberdades e a posta en valor dunha vida de entrega na loita polos dereitos da clase obreira por parte de Pintos".

Por último, Carril criticou que "a pesar dos compromisos programáticos e de contar coa maioría parlamentaria suficiente para facelo, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos mantén plenamente vixente a Lei de Seguridade Cidadá e mesmo a reforma do texto que se está negociando", o que lle levou a trasladar que "nin sequera elimina os aspectos máis lesivos da mesma".

Razóns para o indulto

Ao tempo que os sindicatos iniciaron a campaña de recollida de sinaturas, o BNG levou ao Congreso a petición de indulto a López Pintos. Neste sentido, o deputado nacionalista Néstor Rego alegou que "este caso reúne as tres condiciones que se valoran para a concesión dun indulto: razóns de xustiza, equidade ou utilidade pública".

Rego lembrou que ao longo destas décadas concedéronse indultos a "políticos corruptos, golpistas do 23-F ou banqueiros", polo que "resultaría sorprendente que non se concedese nun caso como é o de Anxo Pintos", que "só exercía a súa actividade sindical nunha concentración nunha época de crise económica moi dura".

Comentarios