Retómase a greve nos elaborados do mar ao fracasar as negociacións coa patronal

Os sindicatos critican a “intransixencia” dos empresarios, aos que acusan de querer “perpetuar” o “peor convenio” de todo o sector da alimentación.

elaborados do mar greve

O comité de greve do sector dos produtos elaborados do mar retomará os paros de 24 horas os días 30 e 31 de outubro após fracasar as negociacións coa patronal, conversas polas que se decidiu suspender os protestos. A representación dos traballadores critica “a intransixencia do empresariado”, que realizou unha derradeira oferta, afirman, “que non satisfai minimamente as demandas” de melloras económicas e sociais, pretendendo perpetuar o “peor convenio” de todo o ámbito da alimentación.

Segundo o comité, que se desprazou a Madrid tanto a quinta feira da pasada semana, 25 de outubro, como esta segunda, 29,  a patronal non se moveu practicamente da proposta inicial. Neste sentido, indican os sindicatos, na parte económica móstranse intransixentes nas propostas de suba salarial nos grupos 1,2 e 3 (os máis precarizados) dun 5´5% no primeiro ano e 2% nos tres sucesivos anos de vixencia do convenio fronte os 5,5% e 2´9% que propón a parte social. Alén disto, o empresariado tampouco está disposto a admitir permisos retribuídos para levar fillos en idade pediátrica ao centro de saúde.

Piquetes informativos

A segunda xornada degreve no sector de elaborados do mar repetirá o esquema da anterior, dando inicio na madrugada desta terza feira 30 con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos. Así, e segundo informa CIG-Mar, na comarca de Vigo desprazaranse desde as 22 horas do luns ao inicio da quenda de noite en Pereira, para desprazarse ás 04:30 a outras factorías como Fandicosta ou Mascato.

No caso de Pontevedra, comezarán ás 04:00 da mañá desde Numarsi, no polígono de Campañó, e máis tarde irán até o porto de Marín para informaren as traballadoras/es en GPS ou Cabomar,ás 04:30h.

Comentarios