A residencia Valle-Inclán continúa sen acatar as sentenzas de readmisión das traballadoras

O xerente da residencia de idos@s sita en Vilanova de Arousa recibiu con insultos ás traballadoras que exixen a recuperación dos seus postos de traballo de acordo co fixado por máis dunha ducia de sentenzas xudiciais. Vídeo no interior.

2014 03 18 Valle Inclan Vilanova Arousa 004.grande
photo_camera [Imaxes e vídeo Avantar]

A empresa que xestiona a residencia Valle-Inclán (Vilanova de Arousa) continúa sen acatar as sentenzas xudiciais que a obrigan a readmitir as traballadoras despedidas. Perante esta situación, as traballadoras e delegad@s sindicais da CiG-Salnés concentráronse ás portas da residencia de idos@s para exixiren a recuperación dos seus postos de traballo por parte da empresa.

Porén, as empregadas atopáronse non só co rexeitamento por parte do xerente da residencia, senón con ameazas e insultos por parte de Enrique Martinez. Desde o comité de empresa e a CIG instan o Xulgado do Social e a Fiscalía a facer cumprir as 15 decisións xudiciais favorábeis ás traballadoras e a "non permitir que o empresario siga a dilatar as reincorporacións, máis cando as afectadas/os levan case sete meses sen cobrar ou cobrando a metade do paro nalgúns casos", indicou Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario comarcal da central sindical nacionalista no Salnés. 

Cumpre lembrar que a entidade titular da xestión --actualmente inmersa nun proceso de liquidación-- conta con subvencións públicas procedentes da Consellaría de Traballo. ´Neste senso, as traballadoras denunciaron a "persecución sindical" á que se viron submetidas ao tempo que, coidan, os seus despedimentos viñeron producidos pola defensa dos seus dereitos laborais e non por razóns "obxectivas" como argüíu a empresa. 

Comentarios