Repsol e sindicatos pactan reducir o ERTE na refinaría da Coruña

Empresa e sindicatos acordan reducir de 212 a 112 as persoas afectadas polo expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) no complexo industrial de Repsol na Coruña.
Refinaría de Repsol na Coruña (Foto: Europa Press).
photo_camera Refinaría de Repsol na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Repsol e os sindicatos acadaron onte un acordo sobre a aplicación do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) na refinería da Coruña polo que o número de persoas afectadas pasará das 212 iniciais a 112, "non chegando ningún empregado a alcanzar o 100% de afectación", informa a compañía tras o acordo da comisión negociadora.

Segundo explica, en maio e xuño o expediente incluirá a 42 persoas, mentres que a partir de xullo abarcará 70 persoas máis "completando as 112 con distinto grao de aplicación". Con carácter xeral, redúcese o número de meses de aplicación do ERTE, pasando dos seis iniciais a un máximo de catro e 20 días, tras os que os traballadores e as traballadoras se reincorporarán á súa actividade habitual.

Ademais, engade, a compañía aplicará un complemento até alcanzar 85% das percepcións brutas, mantendo sen afección o pagamento de antigüidade, as pagas extraordinarias e a retribución variábel, entre outros conceptos".

"Estas condicións contaron coa conformidade da representación sindical baseada no referendo maioritario dos traballadores para os que sería de aplicación esta medida, alcanzando un acordo por todas as partes nun exercicio de responsabilidade e actitude negociadora", argumenta a empresa.

Repsol recalca o "carácter temporal" da medida e a súa vontade de "revertela de inmediato en canto as circunstancias o permitan" e incide en que "a crise derivada da pandemia, que provocou unha caída histórica da demanda do mercado de combustibles, levou Repsol a tomar a decisión de parar en abril as unidades de coque para afrontar estas circunstancias".

A CIG, en contra

Desde a CIG, acatando a decisión dos traballadores e traballadoras da refinaría, amosaron o seu rexeitamento a un ERTE que non consideran xustificado, ao tempo que recoñecen a súa preocupación polas condicións de seguridade da planta mentres dure o expediente.

Nun comunicado, o sindicato tamén afirma lamentar "profundamente" as "inxerencias" na negociación do expediente por parte da empresa, á que acusan de estar "filtrando información durante todo o proceso e intentando dirixir o voto no día de hoxe".

Comentarios