Repsol propón un ERTE para 212 traballadores na refinaría da Coruña

O 31% do seu cadro de persoal

Refinaría de Repsol na Coruña (Repsol).
photo_camera Refinaría de Repsol na Coruña (Repsol).

Repsol propón un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) “por causas produtivas” para un máximo de 212 persoas na refinería da Coruña, o que supón o 31% do cadro de persoal, segundo informa nun comunicado no que precisa que a medida terá unha duración máxima prevista de seis meses.

Sobre as razóns, sostén que a crise derivada da pandemia xerada pola Covid-19 "provocou unha contracción do consumo de petróleo inédita, coa maior caída da demanda global da historia, tanto de hidrocarburos como dalgúns dos seus produtos derivados, como o coque".

"Trátase dunha situación sostida no tempo que mantén uns consumos de combustíbeis para a mobilidade moi inferiores aos esperados". A esta situación conxuntural, afirma que se engade outra estrutural, "que consiste na incerteza xerada pola transición enerxética, que vai esixir importantes proxectos e investimentos nos próximos anos para que a refinaría alcance os obxectivos de transformación e descarbonización contemplados por Repsol".

Desde a Sección Sindical da CIG informan nun comunicado que rexeitan “ de pleno a necesidade que nos traslada a empresa de aplicación deste ERTE. O mantemento dos nosos postos de traballo é o alicerce fundamental no que se sustenta a supervivencia da nosa Refinería e é por esta razón pola que queremos deixar claro que na Refinería da Coruña non sobra ninguén”.

Desde CCOO indican que non se entende a medida contra un persoal que nun ano pasou de ser “esencial” a “prescindíbel”.

Comentarios