A remuneración por hora dos traballadores e traballadoras na Galiza é 26% inferior á da UE

A fenda salarial, que se reducira entre 2000 e 2009, volveu aumentar nestes anos.

Traballadores nunha cadea de montaxe. (Arquivo)
photo_camera Traballadores nunha cadea de montaxe. (Arquivo)

Galiza ten unha remuneración por hora ás persoas asalariadas inferior á media da Unión Europea e que tamén, por certo, fica por baixo da media española.

A remuneración por hora asalariada na Galiza alcanzou en 2019 os 17,7 euros. Esta cifra supón 74% da remuneración por hora na Unión Europea e 87% da media española, que están en 23,9 e 20.3 euros por hora respectivamente.

Este diferencial Galiza-Unión Europea reduciuse desde o ano 2000 (a remuneración daquela da hora galega representaba 72% da europea) ao ano 2009. Nese ano, a remuneración por hora asalariada alcanzou na Galiza 81% da europea. Dende ese período o diferencial volve medrar.

Esta variábel, explican no Instituto galego de estatística, medrou a maior ritmo na Galiza que no Estado español e Europa no que vai de século XXI, especialmente no período 2000-2010. Porén,  nos últimos anos a fenda aumentou.

Os datos desglosados, e correspondentes a 2018, indicaban que esta diferenza entre Galiza e UE dáse en todos os sectores e actividades. As diferenzas son menores no caso do sector primario ou no sector da administración pública, sanidade e educación e relativamente importantes en sectores como o sector da información e das comunicacións ou actividades inmobiliarias. 

As actividades financeiras e de seguros e a administración pública, sanidade e educación son os sectores que presentan unha maior remuneración por hora en Galiza. E

No Estado e na UE28 tamén son estos sectores de actividade, xunto co de información e comunicacións, os mellor remunerados.Un traballador ou traballadora da rama da Industria e Enerxía recibe na Galiza unha remuneración media de 18,8 euros por hora efectiva pagada. No Estado español reciben 21,5 euros (2,7 euros máis) e na Unión Europea 24,4 (5,6 euros máis que no noso país).

Tamén na Industria manufactureira existe esta fenda salarial. Mentres a remuneración media na UE para un asalariado desta actividade por hora é de 24,2 euros, na Galiza cae até 18,4 euros, o que é case 6 euros menos. A media española é de 20,9 euros, o que é 2,5 euros máis que a galega.

Comentarios