Remata o fechamento na cafetaría da estación de autobuses de Compostela coa subrogación dos traballadores

Os operarios da cafetaría situada na estación de autocarros da capital galega puxeron fin a perto dun mes de loita polos seus postos de traballo. O persoal será subrogado após finalizar o concurso público da nova concesión.

14-02-12 CIG-Servizos Estacion de Autobuses 002.grande
photo_camera [CC BY-NC-SA CIG-Avantar]

Manterán o seu posto de traballo e a antigüidade laboral. Ese é o acordo alcanzado esta sexta feira entre a empresa pública Tussa --titular da estación de autobuses de Compostela-- e os traballadores da cafetaría. A entidade asegurou que os operarios serán contratados de novo pola empresa que se faga coa concesión da cafetaría após un concurso público. Polo de agora ficarán no desemprego con dereito a prestación. 

Logo de perto dun mes de fechamento nas instalacións para exixiren o mantemento dos seus postos de traballo, os operarios conseguiron que Tussa inclúa no novo prego de condicións a súa subrogación. Asemade, a empresa municipal comprometeuse --no acordo asinado cos traballadores-- a rebaixar as condicións de acceso á concesión. 

Así o asegurou o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Alonso, quen lamentou teren que ter chegado a esta situación para obrigar o concello a dialogar e que se garantira así a continuidade do persoal. No entanto, amosou a súa satisfacción polo resultado obtido, froito da combatividade dos traballadores e da persistencia nas súas demandas malia as dificultades. 

Comentarios