Persoal e Urbaser reinician a negociación e o xuízo aprázase até setembro

O comité de folga e representantes da concesionaria reuníronse na noite do 14 de xullo. O contacto ficou suspendido, ao igual que o xuízo pola vulneración do dereito a folga.

Urbaser

Na noite do 14 de xullo o comité de folga de Urbaser e representantes da concesionaria retomaron as negociacións para procuraren unha solución dialogada ao conflito. A xuntanza, que se prolongou até ben entrada a madrugada --arredor das 05.00 a.m-- ficou suspendida "mais non rota" explicou en conversa con Sermos Galiza Carmen Antas, portavoz do comité. 

Na conversa que mantiveron Urbaser rexeitou, máis unha vez, readmitir o persoal despedido e retirar as sancións abertas a máis de 60 operari@s no transcurso da folga, porén "propuxo unha pequena mudanza" neste punto que para o comité de folga "continúa a ser insuficiente". Malia todo, as negociacións continuarán nos vindeiros días se ben non se fixou aínda unha data concreta. 

De igual maneira, o xuízo pola vulneración do dereito a folga que comezaba esta terza feira foi tamén suspendido e aprazado para o 5 de setembro. Así o acordaron ambas as dúas partes co obxecto de non bloquear as negociacións após seren reiniciadas. 

Logo de 35 días de folga indefinida o cadro de persoal secunda "ao cento por cento" o paro e mantén firmes as súas demandas. Ao abeiro do acontecido durante este mes de protestas desde o comité de folga afrontan con prudencia a nova mesa de negociación se ben agardan poida resolverse o conflito. 

Comentarios