Nas súas comunicacións, Varanda Viva recolle as denuncias do persoal do 061 por ter que traballar con unidades nas que tan só hai un TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias), e que en atención aos protocolos estabelecidos teñen que usar até tres EPI a fin de cumprir coas garantías de seguridade fixadas. No entanto, sinalan que non se están a dotar de suficientes equipos de protección individual (luvas, máscaras, batas, etc) aos equipos profesionais das ambulancias, "o que o expón a riscos de contaxio". Segundo alertan, nalgúns casos mesmo se están a reutilizar as máscaras, a meirande parte adquiridas a través de doazóns.
Como tamén indica o persoal, "nin lle están facendo as probas para detectar a COVID-19 nin limpando os centros de traballo".
"Ante estes graves incumprimentos, o persoal sanitario atópase desprotexido, o que pode convertelo en persoal de posíbel contaxio e en vector de transmisión para si mesmo e para as persoas doentes, o que dificulta o control da pandemia", alertan.
A plataforma traslada tamén as queixas do persoal do 061 advirten por estar traballando "coas mesmas unidades que antes do comezo da crise sanitaria, tendo unha maior carga de traballo e menos tempo para acudir ás emerxencias, pois deben poñerse os equipos antes de cada saída".
"Reclamámoslle á Consellaría de Sanidade que poña en marcha todos os mecanismos necesarios para dotar de material suficiente ao persoal traballador de forma inmediata a fin de que o persoal sanitario poida desenvolver as súas funcións con todas as garantías", reclaman desde Varanda Viva.