sábado 25.01.2020

CIG denuncia que o recorte de horarios deixou sen helicóptero do 061 o accidente de Carral

Alegan que a redución horaria na que operan supón deixar zonas descubertas. 7 persoas mortas e 11 feridas foron o tráxico saldo do sinistro producido no rally de Carral.

[Imaxe Mónica Patxot | Pontevedra Viva]
[Imaxe Mónica Patxot | Pontevedra Viva]

O operativo sanitario que actuou no grave accidente de Carral, que o pasado 5 de setembro deitou o luctuoso balanzo de sete persoas falecidas e once feridas, non puido contar co apoio dun helicóptero do 061 por mor do recorte de horarios impostos pola Consellaría de Sanidade neste servizo. A CIG denuncia que este caso é un exemplo máis das consecuencias dese retallamento que deixa descubertas zonas do país durante horas.

Os helicópteros do 061 son un medio de grande importancia para operativos sanitarios onde o desprazamento até o lugar do accidente ou da asistencia sanitaria é dificultoso. Unha circunstancia que se deu no accidente producido durante o rally de Carral (A Coruña). Malia o colapso do tráfico nos accesos até alí non se desprazou o helicóptero con base en Compostela por ter rematado seu horario. A outra opción era o helicóptero radicado en Ourense, pero os 35 minutos de distancia facían inoperativo o traslado. Segundo denuncia a CIG­Saúde, os técnicos das ambulancias que acudiron ao lugar do accidente botaron en falla o apoio aéreo, inda que non garantise un desenlace diferente a respecto das vítimas do mesmo.

CIG Saúde denuncia que os recortes deixa zonas do territorio nas que o helicóptero non pode actuar

12 horas

O novo contrato do servizo aprobado o pasado mes de marzo modificou o seu horario de atención, que pasou de estar operativo do abrente ao solpor (cubrindo a totalidade da xornada con luz diúrna) a unha nova fórmula consistente en que un dos helicópteros atende 12h desde o abrente e o outro 12h antes do solpor. Desta maneira, denuncian, que existen faixas horarias que deixan descubertas zonas do territorio nas que non poderá actuar o helicóptero. No caso do helicóptero de Compostela o seu horario até o vindeiro día 27 é de 8:00h a 20:00h.

“No decurso do verán houbo avisos doutras urxencias pasadas as 20h e non houbo helicóptero. A xente no o sabe porque ao final se resolve con outros recursos máis lentos ou menos axeitados e así tápase esta irresponsabilidade”, denuncia Rosarío Rúa. A representante da CIG na Xunta de Persoal do 061 fai referencia á existencia de casos de afogamento, accidente de tráfico ou unha parada cardiorespiratoria que non contaron con asistencia aérea por esa razón.

Desde a CIG critican ademais que este recorte sanitario, que incide na asistencia en caso de emerxencias nos que pode ser un medio vital, supón un aforro económico de “miseria”. “O aforro é só o do salario dun piloto e un copiloto durante seis meses”.

comentarios