Reclaman en Vigo emprego de calidade no sector da automoción

Arredor de cincocentas persoas manifestáronse na noite desta quinta feira para reclamaren postos de traballo de calidade na automoción. Rexeitaban tamén a baixada salarial imposta por PSA Citroën. A federación de Industria da CIG convocou a manifestación. VÍDEO NO INTERIOR. 

Manifestación en Vigo
photo_camera Manifestación en Vigo

Diante das instalacións de PSA Citroën rematou a manifestación convocada pola CIG que esixía emprego de calidade no sector da automoción e denunciaba o empeoramento das condicións laborais que se están a producir no sector.  

Traballo digno na nosa terra”, “Citroën escoita a CIG está en loita”, “Non non non á deslocalización” ou “Paco, David readmisión” foron algunhas das consignas que se berraron ao longo da manifestación que partiu da Praza de América  e percorreu tamén a Avenida do Fragoso. No remate da marcha leuse un comunicado no que se expresaba tamén o rexeitamento da rebaixa salarial imposta pola transnacional francesa na factoría de Vigo. “Vemos con moita preocupación que este empeoramento das condicións laborais estase a estender xa ao resto de empresas do sector”, dicía o comunicado no que se denunciaba tamén a campaña mediática do grupo PSA “ co silencio cómplice do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia” para materializar a precarización das condicións laborais. 

Fronte común para salvar o sector 

“Non pode ser que as compañías da automoción instaladas en Galiza utilicen cartos públicos para construír novas factorías en países como Portugal ou Marrocos, logrando así que empresas do mesmo grupo compitan entre elas pola consecución de novos proxectos, o que se traduce nun maior beneficio empresarial a costa do empobrecemento e de perda de dereitos por parte dos traballadores/as”, sinalan ao tempo que anuncian que, de seguir este proceso, o sector, do que dependen milleiros de familias, estaría “condenado a morte”

Ás Administracións públicas esixíronlles que mostren tamén a súa oposición a esta situación e instaron ao Goberno central, á Xunta e aos concellos a que vinculen as subvencións ao sector coas condicións laborais dignas e a carga de traballo. Convidaron tamén ao conxunto da clase obreira e organizacións sindicais e sociais a construír unha fronte común na defensa do sector da automoción. 

Comentarios