Exixen ao Concello de Vigo cumprir o acordado e aplicar a gratuidade do autobús urbano para desempregad@s

A Asemblea de desempregad@s de Vigo, coordenada pola CIG, exixe ao goberno de Abel Caballero que dea cumprimento ao acordo adoptado de maneira unánime e fixe a gratuidade do transporte urbano para persoas desempregadas de longa duración. 

autobús
photo_camera [CC BY-NC-SA CIG-Avantar]

"É intolerábel que se pretendan destinar 700 mil euros do orzamento municipal a subvencionar compañías aéreas privadas e que, pola contra, non se dedique nin un céntimo a facer gratuíto o autobús para quen o precisa", denuncian desde a Asemblea de desempregad@s da CIG en Vigo. E é que vai por volta dun mes e medio desde que o pleno municipal acordou por unanimidade fixar a gratuidade do autobús urbano para as persoas en situación de desemprego prolongado. 

A proposta partiu dunha iniciativa presentada polo grupo municipal da BNG e viña a recoller as demandas expresadas polos milleiros de persoas que en Vigo --e na súa área metropolitana-- non contan cun emprego actualmente.

A mobilidade, unha "necesidade primaria"

"É absolutamente irracional que a día de hoxe unha persoa no desemprego que estea cobrando un subsidio ou a RISGA, con contías de miseria que non garanten a subsistencia, teñan unicamente acceso a unha tarxeta social que custa 0,61€ por viaxe". Porén, lembran que no caso d@s desempregad@s que "xa esgotaron as súas prestacións, non teñen acceso nen a ese bono" véndose na obriga de abonar un mínimo de 0,86€ por traxecto. 

Así pois, para a Asemblea de desempregad@s "demostra unha total insensibilidade" que embora o pleno de Vigo acordar a fixación da gratuidade para este colectivo --unha medida que coidan "esencial" e "urxente"-- non se teña levado á práctica. "Seguimos sen obter resposta por parte do goberno municipal", critican através dun comunicado de imprensa feito público na cuarta feira (26 de febreiro). Ao tempo que, alertan, hai "persoas que por razóns económicas non poden facer uso" dun servizo que constitúe "unha necesidade primaria", acrecentan. 

Após unha campaña de axitación social que precedeu á iniciativa do BNG, e coa que a Asemblea de desempregad@s recompilou máis de 2.000 sinaturas a prol da gratuidade do transporte urbano, aseguran que de non se executar o acordo plenario, "seguiremos a insistir na rúa nas nosas xustas reivindicacións". 

Comentarios