Receo sindical diante da negociación da reforma do emprego público

A área pública da CIG realizou concentracións nesta quinta feira diante da Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Pontevedra, Lugo e Ourense en demanda da retirada da reforma que o Ministerio de Función Pública quere introducir no Estatuto Básico do Empregado Público. Desde a CUT anuncian unha folga xeral mentres fontes de CCOO e UXT aseguran que continuarán as negociacións.
Concentración convocada na Coruña pola CIG contra a modificación do Estatuto Básico do Empregado Público (Nós Diario).
photo_camera Concentración convocada na Coruña pola CIG contra a modificación do Estatuto Básico do Empregado Público (Foto: Nós Diario).

A modificación do Estatuto Básico do Empregado Público que está a levar a cabo o Ministerio de Política Territorial está a levantar as suspicacias entre algunhas forzas sindicais galegas. Un dos motivos é a suspensión das reunións previstas na Mesa Xeral das Administracións Públicas na que participan a CIG, ELA, CCOO, CSIF e UXT. Outro tería relación co incumprimento das prazas comprometidas e non ofertadas.

Contra o que denominan "secretismo" nesa negociación, a CIG promoveu esta quinta feira unha serie de concentracións diante da Delegación do Goberno na Coruña e das tres Subdelegacións de Lugo, Ourense e Pontevedra, nunha ofensiva do sindicato maioritario na Galiza para paralizar a reforma. 

Segundo a central nacionalista, citando datos do propio Goberno español de abril de 2021, houbo un total de 218.671 prazas autorizadas para incorporar en ofertas de emprego público. As ofertadas, pola contra, foron 154.483 prazas, un 30% menos das comprometidas. Como fin do proceso só se cubriron 56.236, o que implica que tan só un 25% das prazas anunciadas chegaron a se transformar en fixas no conxunto do Estado español no total dos sectores. 

Desde a central nacionalista piden a retirada desta reforma e propoñen, en primeiro lugar, a eliminación da taxa de reposición para que cada administración teña a posibilidade de redimensionar os seus cadros de persoal. Como segunda idea demandan procesos excepcionais para artellar solucións ao problema da temporalidade e desta maneira consolidar o emprego. Por último, están a favor dun réxime sancionador e reparador que actúe contra aquelas administracións  que incumpran a norma. "O Ministerio pretende resolver o problema da temporalidade no emprego público pondo na rúa a todo o persoal temporal e interino, non o imos permitir", subliña Xabier Picón, voceiro da área pública da CIG.

María Xosé Abuín, de CIG-Saúde, lembra a Nós Diario que "levamos desde 2010 coa medida ilóxica da taxa de reposición que provocou a temporalidade actual" coa imposibilidade "de repor o persoal que se xubilaba". En relación á actual reforma, critica que se propoña que, "para eliminar as contratacións de longa duración aos tres anos, se non son fixas, o persoal sería cesado e, nun ano, non se podería convocar esa praza". Con esa medida, no seu sector, "reduciríase a prestación sanitaria por falta de persoal". 

A área pública da CIG anuncia que continuará co calendario de mobilizacións a vindeira segunda feira 28 de xuño, cunha concentración diante do edificio da Xunta en San Caetano.

Convocatoria de folga xeral da CUT o 18 de xuño

Andrea Estévez, responsábel da coordinadora da Función Pública da CUT, cre que a EBEP “non solucionaría o problema actual” e introduce “unha limitación dos contratos temporais” que sería “imposíbel de realizar” cando “non existe relación de postos de traballo en moitos centros públicos”.

En declaracións a Nós Diario asegura que será “o traballador precarizado quen asuma de novo esta situación”. Este sindicato ten convocada unha folga xeral en todos os sectores públicos para o vindeiro 18 de xuño conxuntamente, a nivel estatal, coa Confederación Intersindical, Co.bas, Solidaridad Obrera, SAS, Intersindical Valenciana e Ista.

CCOO e UXT avogan por "consensos amplos" 

Fontes de CCOO aseguran a Nós Diario que continúan as negociacións en Madrid xunto a UXT a nivel estatal "e non hai nada fechado polo de agora". Desminten as informacións "sobre a modificación xa que aínda non temos proposta concreta por parte do Ministerio". Nun comunicado avogan por "consensos amplos" na mesa estatal para alcanzar un novo acordo de emprego e retribucións e condicións de traballo que substitúa ao actual, que vence o 31 de decembro. Respecto diso, demandan "unha solución efectiva" para lograr estabilidade e reducir a temporalidade.

Afirman que o texto tratado pola comisión de coordinación de emprego público, na que participan representantes do Ministerio de Política Territorial e Función Pública e das comunidades autónomas, sobre reforma do artigo 10 do estatuto básico do emprego público "non é unha proposta de negociación, non contempla medidas efectivas para dar estabilidade ao persoal de longa duración ou en fraude de lei nin resolve o problema de temporalidade".

Así mesmo, piden reducir e eliminar a alta taxa de temporalidade mediante a eliminación da taxa de reposición e convocatoria e resolución periódica das ofertas públicas de emprego.

Comentarios