Radiografía do sector pesqueiro e marisqueiro galego en tempos de Coronavirus

Caen as vendas e medran as dificultades para o sector pesqueiro e marisqueiro galego coa actual enerxencia sanitaria. O Grupo de Acción Local (Galp) Ría de Pontevedra contactou con varias persoas responsábeis de varias varias áreas para explicar como están a vivir as traballadoras e traballadores do mar o estado de alerta.  

Lonxa (Galp)
photo_camera Lonxa (Galp)

A pesca ten un peso relevante na actividade económica da Galiza. Ademais dos traballos directos que crea conta con moitas actividades económicas que dependen dela. Desde o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) Ría de Pontevedra cren que é “esencial como provedor de alimentos de primeira necesidade e segue a traballar nunhas condicións que nin garanten a seguridade das persoas nin os soldos”.

Estes días aseguran que aos problemas para aplicar as medidas de seguridade e protección ante o Covid-19 nos barcos “hai que sumarlle a caída dos prezos en primeira venda que fai que non compense economicamente asumir os riscos”. Explican que “a falta de concreción das axudas anunciadas desde o goberno mantén ao sector en alerta, sumando razóns para amarrar”.

Prezos baixos

Desde a cooperativa San Miguel, a súa presidenta, Beatriz Vázquez, relata que de maneira expresiva a situación. “Os prezos son horribles, historicamente nunca se viron prezos como estes”. Conta que nin as máis maiores lembran prezos tan baixos sobre todo no peixe fino. “O peixe sapo, o rodaballo, o linguado non teñen saída porque son de restaurante e estes están pechados”, explica Beatriz Vázquez.

Todos coinciden en que, desde que se decretou o estado de alarma no noso país, as vendas de peixe e marisco descenderon

En relación aos prezos baixos o patrón maior de Portonovo, Juan José Besada, coincide e engade que unha das razóns é que “ninguén compra agora mesmo un rodaballo a 30 ou 40 euros quilo porque non están os tempos para comprar esas cousas”.

Todos coinciden en que, desde que se decretou o estado de alarma no noso país, as vendas de peixe e marisco descenderon, así como tamén descenderon as cotizacións en lonxa.

Va a ser meses fastidiados”, sinala a patroa maior de Lourizán, María del Carmen Vázquez, e conta que hai moita preocupación entre as mariscadoras “os ánimos están moi baixos porque no marisqueo vívese día a día”, engade. O marisqueiro é un sector moi delicado por tratarse de produtos  que teñen que comercializarse moi rápido e, moitas veces, non teñen a posibilidade de seren conxelados.

O peche da restauración mudou de súpeto todo o panorama. Teñen pechado a flote e a pé desde a terceira semana de marzo e piden o cese das actividades mais os requerimentos, aseguran, son moi complexos. 

Desde o Galp Ría de Pontevedra sinalan que o peche do canal de hoteis, restaurantes e cafetarías “desestabilizou por completo ao sector pesqueiro e marisqueiro porque hai especies que non atopan saída nas lonxas”.Mariscadoras (Galp)

O secretario da confraría de Bueu, José Barreiro, afirma que “hai sectores que aínda categorizados como primeira necesidade realmente non existe demanda para os seus produtos, falo de bivalvos, percebes, ourizos, navallas... Non hai quen compre porque gran parte dese volume ía para restauración”

Intermediarios

Os prezos baixos, explican desde Galp, non se están a trasladar ao consumidor final, “algo que pode incidir na intención de compra xa que moitas familias viron minguada a súa capacidade económica e a incerteza ante a duración da corentena retrae a compra de certos produtos”.

Para a responsable da cooperativa San Miguel neste momento “os que se lucran son os intermediarios porque compran o produto baratísimo e o consumidor compra cos mesmos prezos de sempre”.

Esta idea é compartida pola responsábel do colectivo de marisqueiras de Lourizán, Vázquez é consciente de que nesta crise “hai certa picaresca” para tirar proveito da situación. “Non pode ser que a xente venda a prezo normal o recurso do mar e o compre a prezos de risa”, asevera. Se a situación continúa non descartan o peche do sector.

Prazas de abastos

A canle máis habitual para comercializar estes produtos é a praza de Abastos. “Agora é difícil que a xente vaia a praza” explica o patrón maior de Portonovo Juan José Besada, “son espazos para socializar, falar, mirar o peixe, tocalo, e agora iso non o podemos facer”, engade. Esta pode ser unha das razóns polas que para as persoas consumidoras, cre, “sexa moito máis sinxelo ir a un supermercado e coller o primeiro conxelado que vexan e levalo para casa”.

Nas prazas de Abastos tamén notaron a baixada de vendas de produtos do mar. Algunhas, como as de Marín e Pontevedra, tiveron ademais a visita das forzas de seguridade do estado que impediron o acceso aos clientes. “Desde o Galp Ría de Pontevedra instamos ás autoridades competentes a garantir o acceso das persoas consumidores ás prazas de abastos sempre seguindo as indicacións pertinentes en materia de prevención”.

Nas prazas de Abastos tamén notaron a baixada de vendas de produtos do mar

Desde o sector trasladan a necesidade de que a poboación continúe a consumir peixe e marisco durante a corentena, “non só xa polo que supón para o mantemento do emprego e da actividade económica do sector senón tamén por unha cuestión de saúde alimentaria”.

Seguridade no sector

“As medidas de seguridade a seguir por parte de toda a cadea de valor do sector para facer unha correcta xestión na loita contra a Covid-19 que achegaron o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Secretaría Xeral de Pesca, así como desde a Consellería do Mar da Xunta da Galiza non son realistas”, aseguran desde Galp.

Para a presidenta da cooperativa San Miguel un dos problemas máis evidentes está en garantir que a tripulación do barco que sae a faenar estea libre da enfermidade e asegura que non se fan test no porto antes de embarcar. “Estamos falando de xente que vai pasar días no mar e que facemos se enferman alí?”, pregúntase Vázquez Piedras.

Nos barcos o problema, asegura Besada, “é a distancia de seguridade” que asegura “é imposíbel de respectar”. Pon como exemplo que “un barco de cerco dos pequenos que pode levar oito persoas e que ten sete metros de eslora, non se pode gardar a distancia de seguridade”.

Se falamos das lonxas a situación é distinta. Beatriz Vázquez explica que en Marín e Vigo vanse adaptando ás normas e que o máis problemático é regular o espazo “cústalles adaptarse a esa distancia de separación” mais “pouco a pouco vanse afacendo” e tamén ás medidas de “luvas e máscaras”.

A lonxa da Coruña vén de suspender as poxas de capturas da flota de baixura e arrastre de litoral 

Na lonxa de Bueu non se permite que entre ninguén que non sexa directamente usuario “co cal limitamos o número de persoas e indícaselles que manteñan as distancias”, comenta Barreiro.

Con esta situación, a lonxa da Coruña vén de suspender as poxas de capturas da flota de baixura e arrastre de litoral pasando a facerse a comercialización por vía telefónica ou telemática directamente coa casa de vendas.

Na contorna da ría de Pontevedra existe unha alternativa de comercialización telemática: a web pescadoartesanal.com, unha plataforma de comercialización conxunta das lonxas da ría que serve de acceso anticipado ás descargas de peixe e marisco nas lonxas.

A impotencia de non poder loitar xuntas

A situación que se está a vivir no sector da pesca e o marisqueo non ten semellanza con ningunha outra anterior. A patroa maior de Lourizán recoñece que o peor é non poder loitar contra isto “todas xuntas” porque “non nos podemos reunir para traballar, non podemos vernos e discutir estratexias de futuro, ten que ser todo por teléfono”. A unidade doutras situacións agora ten que ser a distancia.

Comentarios