Rachan as negociacións entre o persoal de Urbaser e a empresa

Após seis horas de xuntanza a mesa de negociación entre o comité de folga e Urbaser desfíxose polo rexeitamento da empresa a aceptar a proposta ofrecida polo mediador. 

Esta quinta feira (10 de xullo) a mesa de negociación aberta entre o cadro de persoal de Urbaser e a empresa ficou rota segundo confirmaron a Sermos Galiza fontes presentes no encontro.

Logo de seis horas de xuntanza en que mesmo chegaron a se desenvolver mesas separadas entre as dúas partes e o mediador, @s traballador@s decidiron rachar coas conversas perante o inmobilismo de Urbaser a aceptar a proposta presentada. 

O comité de folga convoca unha rolda de imprensa para as dez e media após reunirse a asemblea de traballador@s ás 21.00 horas. 

Urbaser culpa @s operari@s de levar a empresa a un "calexón sen saída" e de teren "pretensións fóra de lugar"

Pola súa banda a empresa culpa ao comité de folga da ruptura das negociacións. Afirma que as demandas d@s operari@s levaran a Urbaser a un "calexón sen saída" con "pretensións fóra de lugar". Aliás, acusa a quen define como "líderes" do comité de dar "continuos bandazos" polo que, di, "é imposíbel chegar a acordos". 

A proposta do mediador

A proposta que estaba riba da mesa esta quinta feira foi presentada na xornada de onte (9 de xullo) polo mediador e ao cadro de persoal "válelle no fundamental", afirmaron fontes consultadas por Sermos Galiza á marxe dalgunha "corrección e concreción". Porén, a dirección de Urbaser asegurou na primeira xuntanza que tería que ser avaliada polos seus servizos xurídicos o que pronosticaba unha sesión de negociación dura para esta quinta feira. 

Riba da mesa negociábase un convenio para 4 anos coa consolidación de 600€ nas táboas salarias e a creación de novas prazas de traballo co persoal da fin de semana

Por volta das 13.00 horas sentaban na mesma mesa o comité de folga, representantes da concesionaria do lixo e o mediador. Mais após horas de conversa e dunha posición inmóbil por parte de Urbaser --que rexeitaba puntos fundamentais da proposta e mesmo a retirada das sancións a máis de 60 empregad@s-- a mesa de negociación rachou. 

A proposta achegada polo mediador propuña un convenio colectivo para catro anos (2014-2017) no que se recollía a consolidación nas táboas salariais dos 600 euros percibidos en 2012 e 2013. Esta era unha das grandes demandas do cadro de persoal. Aliás, actualizaríanse os salarios de acordo co incremento anual do IPC. 

No plano social a proposta prevía cubrir as prazas que se crearan na empresa con persoal das fins de semana para alén dunha mudanza nas xornadas laborais daquelas persoas que traballan de segunda feira a domingo e que pasarían a traballar tan só até o sábado. 

Segundo puido saber este medio de comunicación o convenio estaría blindado por ultractividade de maneira que, de non ser renovado en 2017, continuaría en vigor e non caducaría. 

Comentarios