Quinta vítima mortal nas obras do AVE a Ourense

A CIG lembra que denunciou en marzo perante Inspección de Traballo os incumprimentos da empresa en materia de seguridade operaria.

Treneando
photo_camera [Imaxe Treneando.wordpress]

Un mozo de 31 anos faleceu esta terza feira (15 de setembro) mentres traballaba nun túnel pertencente ao Tren de Alta Velocidade (TAV) de Ourense ao seu paso polo concello de Laza. 

Trátase da quinta vítima mortal no que vai de ano nesta obra civil encomendada á empresa COPROSA, unha entidade que xa foi denunciada no mes de marzo pola CIG perante Inspección de Traballo após detectaren, entre outras cuestións, que non se estaban a respectar "as medidas de seguridade e saúde laboral" así como a "normativa de prevención". 

A central sindical instaba a investigación das condicións laborais que atinxe o persoal que opera nas obras. E é que, segundo a denuncia presentada na altura pola CIG “as xornadas superan as 12 horas sen respectar o descanso mínimo entre as mesmas” alén de estar sustentadas “en centos de pequenos contratos en defraudamento de lei, no que en moitas ocasións nen sequera se dá de alta aos operarios na Seguridade Social”.

Porén, Inspección de Traballo, sinalan desde o sindicato, "semella que só lle interesa o cumprimento meramente formal e documental da prevención e non a realidade da mesma". Así pois, insisten desde a CIG en que se investiguen as causas que provocaron a morte do último operario e das outras 4 persoas falecidas ao tempo que se revise o grao de cumprimento da seguridade operaria que atinxe o persoal destas obras. 

Asemade, critican que a Consellaría de Industria, "encargada de velar legalmente pola seguridade no interior dos túneis, non dispoña dun só inspector especializado na materia en toda Galiza". 

Comentarios