Queixas nas pequenas e medianas clínicas privadas pola falta de vacinación

Un dermatólogo enviou unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García, e á Directora de Saúde Pública, Carmen Durán, urxindo a protexer este persoal sanitario que non sabe cando será vacinado.   
Persoal dunha clínica dermatolóxica (Cedida)
photo_camera Persoal dunha clínica dermatolóxica (Cedida)

O acceso ás vacinas está a ser desigual no sector sanitario na Galiza. O pasado 17 de febreiro o dermatólogo de Compostela, Emilio del Río, presentou por rexistro unha carta aberta ao conselleiro de Sanidade, Julio García, e á Directora de Saúde Pública,  Carmen Durán, demandándolles información de cando procederán a vacinar ao persoal médico das pequenas e medianas clínicas que hai no territorio galego.

"Eu teño unha clínica que non parou en toda a pandemia con oito traballadoras sanitarias e tres administrativas, todas contratadas, que teñen contacto diario con pacientes e aínda non sabemos cando poderemos contar coa vacina", explica a Nós Diario Emilio del Rio. 

Primeiro os grandes hospitais privados

Este médico explica que se fixo cargo dos gastos da súa clínica "sen chegar ao expediente de regulación de emprego (ERTE)" e sendo consciente de que "moitas compañeiras e compañeiros tiveron que fechar".

Non considera xusto que xa estea vacinado todo o persoal dos grandes hospitais privados "que son na súa maior parte de fóra" e persoal administrativo das instalacións sanitarias "en moitos casos sen contacto directo con pacientes por estar teletraballando, non como no noso caso" e esquezan "logopedas, dentistas, fisioterapeutas ou dermatólogos".  Na carta lembra que "nós estamos apegados ao territorio que fixa a oferta laboral, os recursos, a riqueza e a poboación galega".

Del Rio indica que esta situación que provocou a Xunta da Galiza non acontece noutros lugares do Estado español, mesmo algúns gobernados tamén polo PP. "Xa o fixeron en Murcia ou Andalucía  polo que non semella un problema político", cre este dermatólogo.

Por este motivo insta ás autoridades para que os convoquen para a vacinación do persoal sanitario do grupo 3B da normativa estatal á maior bevidade posíbel.

Comentarios