Análise

Que pasará co emprego?

Hai quen vaticina nula creación de emprego no primeiro semestre do vindeiro ano, advirte o economista. (Foto: Asime).
photo_camera Hai quen vaticina nula creación de emprego no primeiro semestre do vindeiro ano, advirte o economista. (Foto: Asime).

Scott Schuh, profesor da Universidade de West Virginia, preguntouse un día sobre o nivel de acerto das previsións económicas. As estimacións sobre o PIB e o emprego son obxecto de observación por parte de centos de respectables institucións cuxos diagnósticos periódicos adoitan recibir unha notable atención entre os medios de comunicación. Mr. Schuh estudou estimacións económicas feitas nun período de trinta anos e chegou á conclusión de que a maior parte das veces, a realidade posterior pouco ten que ver cos prognósticos previos. 

En España, o goberno central, o Banco de España, non poucos bancos comerciais, algunha cámara de comercio e a Funcas, entre outros organismos, participan desta feira de cifras que son as estimacións económicas. Despois aparecerá a Unión Europea, o BCE, a OCDE, o Banco Mundial e o FMI, entre outros, para matizar as previsións. Galicia (un país cun sistema ben precario de información económica) dispón tamén de previsións propias, públicas, como as da Xunta, ou privadas como a que desenvolve Abanca co Foro de Conxuntura Económica.

Se miramos hoxe o panel -de actualización mensual!- que elabora a Funcas cos números de 19 institucións, chegaremos á conclusión de que os analistas ven a cousa negra. Non é para menos: a alta inflación contén o consumo; uns tipos de xuro en alza restrinxen o investimento; e a guerra en Ucraína condiciona calquera decisión. Así pois, o PIB resentirase e xa que logo tamén o emprego. De feito, hai quen vaticina nula creación de emprego no primeiro semestre do vindeiro ano. 

Situación e conceptos 

Para ser coherente coa introdución, non farei ningún tipo de previsión sobre o emprego en 2023. Si darei as claves que máis inflúen na súa evolución alén do propio ciclo económico. Ata hai pouco, imperaba unha sorte de consenso segundo o cal a economía xeraría emprego a partir dun crecemento do 2%. Era o que algúns chamaban "limiar de crecemento para a creación de emprego". Claro que, tempo atrás, tentaba manexarse a taxa de desemprego a partir da "curva de Philips", a cal relacionaba as variables paro e inflación, falacia que  terminou arrombada nos arquivos da historia económica. Disque as cousas raramente son tan sinxelas; en economía menos. 

Cal é a situación a día de hoxe? Utilizaremos os datos da Enquisa de Poboación Activa, que son os que se harmonizan a nivel internacional. Segundo a EPA, a taxa de paro en España acadou un mínimo do 7,9% en 2007, subiu ata o máximo do 26,9% a comezos de 2013, caeu ao 13,8% antes da pandemia e hoxe está no 12,7% en mellora continua dende o peor momento da economía Covid cando acadou o 16,3% (T3 2020).

Utilizando a mesma fonte, a última taxa de paro en Galicia é do 10,8%, é dicir, 1,9 puntos máis baixo có de España. Hai que salientar que dende o terceiro trimestre de 2007, Galicia presenta un menor índice de desemprego cá España. Para ampliar a comparativa completa, diremos que o último dato de paro na zona Euro foi do 7,6% e en Estados Unidos, do 3,7%. 

Unha visión completa do emprego esixe observar o dato da poboación activa. Lembremos que a taxa de desemprego se calcula dividindo o número de parados entre o número de persoas dispostas a traballar (poboación activa). Aquí a diferenza España –Galicia é maior pois mentres a taxa de actividade en España é do 58,9%, en Galicia queda no 53,1%.

En Galicia hai demasiadas persoas en idade de traballar que non buscan emprego. Se sumamos desempregados e "voluntariamente pasivos", o índice de actividade laboral en Galicia sería bastante máis baixo que o nivel español. 

O emprego en 2023 

A partir desta situación, que pode ocorrer co emprego en 2023? Ademais da evolución previsible do PIB claramente á baixa (media da Funcas: +1,1% fronte ao 4,5% de 2022), existen outros factores que non sempre se teñen en conta. Son estes: 

1.—Expectativas: se a corrección do crecemento se considera temporal, moderaranse os posibles despidos e mesmo se confirmarán parte das contratacións previstas. 

2.—Modelo: cada país ten un modelo recoñecible en materia de emprego. Por exemplo, Xapón é un país que privilexia a retención do traballador; Países Baixos facilita a recolocación dos despedidos (o que se coñece como job replacement). Unha pregunta: coñecen alguén en Galicia que conseguise traballo a través do Servizo Público de Emprego? 

3.—Lexislación: unhas normas que faciliten o despedimento acentuarán o aumento do paro no ciclo recesivo; pola contra, de acordo cos neoliberais, esas mesmas normas seica facilitarían a contratación no ciclo expansivo. 

4.—Estrutura: a grande empresa tende a alixeirar forza de traballo con máis facilidade que a pequena empresa, co cal as economías cunha maior dimensión empresarial media poden padecer con maior intensidade as perdas de emprego. 

5.—Tipoloxía: as economías cun maior desenvolvemento requiren empregos de maior especialización e valor engadido que tenden a ser retidos nas súas empresas polas dificultades de volver cubrilos unha vez mellore a actividade. 

Non parece que todo este conxunto de circunstancias poida ser incluído con precisión nos modelos de previsión económica. Eu confiaría máis nas análises cualitativas. Así poderiamos pensar que todo dependerá da evolución da política global e, en calquera caso, unha vez máis por razóns estruturais, o emprego en Galicia tenderá a comportarse mellor ca en España. 

Comentarios