Publicados os servizos mínimos para a folga na CRTVG

Segundo sinala a dirección da CRTVG, determinouse, despois de ouvir o comité de folga, o persoal mínimo necesario para garantir eses servizos.
Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)
photo_camera Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta quinta feira a orde pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga desta sexta feira 12 de maio nos seus centros de traballo.

A convocatoria de folga desenvolverase entre as 00 e as 24 horas da propia sexta feira 12 de maio nos centros de traballo da CRTVG sen prexuízo do mantemento dos servizos esenciais.

A orde sinala que se considera servizo esencial a produción, emisión e retransmisión nas canles de radio, de televisión e de servizos de información en liña dos programas informativos que son considerados "imprescindíbeis para manter o servizo público de información á cidadanía".

Segundo recolle, a dirección da CRTVG determinou, despois de ouvir o comité de folga, o persoal mínimo necesario para garantir eses servizos.

“Seguridade das persoas e das instalacións”

Ademais, "durante o decorrer da folga deberá quedar garantida a seguridade das persoas, das instalacións e do material, e, ademais, o comité de folga asegurará que, ao finalizar esta, os distintos centros e servizos se encontren en situación de funcionamento normal".

Por último, apunta que os servizos esenciais "non poderán ser perturbados por alteracións ou paros do persoal designado para a súa prestación e o incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos será sancionado de conformidade co previsto na normativa aplicábel".

Comentarios