Reclama "implicación" da Xunta

O PSdeG levará o conflito laboral de Endesa ao Congreso

A negociación do convenio colectivo de Endesa chegou a un punto de ruptura após 18 meses de conversas. A intención da empresa é acollerse á reforma laboral do PP e facer decaer o actual convenio, ao ter transcorrido xa o prazo da ultra-actividade (a prórroga do acordo anterior mentres se negocia un novo). O PSdeG mantivo unha xunta co comité de empresa e comprométese a trasladar a situación ao Congreso.

 

 

photo_camera Un momento da xunta do PSdeG co comité de empresa de Endesa

Antes das reformas regresivas do PP, os convenios colectivos ao termo da súa caducidade prorrogábanse indefinidamente mentres non se aprobar un novo acordo entre traballadores e empresa. Era o coñecido como principio de ultra-actividade. O Goberno Raxoi tocou este aspecto delicado da negociación colectiva e abriu a billa para a patronal deixar morrer os convenios após 18 meses e así impor novas condicións de traballo moito máis lesivas para os cadros de persoal.

Esta é a situación que se vive neste momento en Endesa. Os traballadores temen que a empresa introduza mudanzas regresivas nas súas condicións laborais e demandan a intervención dos grupos políticos. Iso foi o que levou a unha delegación do PSdeG —composta polos deputados Patricia Otero, Begoña Rodríguez Rumbo e José Manuel Pérez Seco— a manter unha reunión co comité de empresa de Endesa na Galiza. Nela comprometéronse a dar impulso a iniciativas sobre o asunto no Congreso e no Senado. O obxectivo, darlle maior "visibilidade" ao conflito e criar as condicións para a empresa avirse a continuar negociando.

A formación socialista apoia as e os traballadores na súa demanda de que se retomen as negociacións coa compañía.

O PSdeG pensa tamén que a Xunta debe ter unha "maior implicación" após as conversas empresa-comité de empresa se teren visto rotas por decisión da dirección da compañía. O goberno galego, estima a formación liderada por Gonzalo Caballero, debe pór en marcha “os mecanismos necesarios para facilitar que as partes limen asperezas”. 

Comentarios