PSA tenta rebaixar as demandas sociais na primeira reunión da negociación

A primeira reunión para a negociación do convenio colectivo 2020 en PSA Peugeot Citroën de Vigo serviu para ter unha primeira toma de contacto entre empresa e sindicatos. A mesa quedou formada por 12 persoas da empresa e 12 sindicalistas (sete do SIT, dous de UXT, un da CUT, un de CC.OO. e outro da CIG).
Citroen PSA
photo_camera Citroen PSA

A dirección da factoría realizou un balance positivo da situación da empresa durante os últimos catro anos de vixencia do actual convenio para pasar a esbozar un panorama negativo a nivel internacional con obstáculos para o automóbil como o Brexit ou a normativa europea de emisións de CO2. 

A organización sindical maioritaria, o Sindicato Independente de Traballadores, asegurou a Europa Press que os principais obxectivos desta central pasan por conseguir incrementos nas primas variábeis distribuídas nas plantas de acordo cos beneficios, o salario base do persoal eventual e o complemento de nocturnidade.

Por parte de UXT a súa portavoz, Ana Belén Valiño, sinalou que o obxectivo principal deste sindicato pasa por alcanzar un "importante" número de empregos estables e de calidade, para o que defenderá a conversión de xornadas parciais en completas.

"O primeiro punto das nosas reivindicacións é a saúde laboral”, explica o delegado da CUT Vítor Mariño a Nós Diario. Desde este sindicato denuncian que as condicións laborais da fábrica deterioráronse nos últimos anos.

Desde a CIG reivindicouse unha solución ao grave problema de saúde que ten unha parte importante do persoal da empresa polos altos ritmos e cargas de traballo.Indican que é necesario romper o veto de ter que permanecer na cadea de traballo mesno con limitacións. 

A vindeira reunión para continuar co proceso de negociación terá lugar a vindeira terza feira 14 de xaneiro pola tarde.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios