A proposta do Goberno estatal para subir o salario mínimo alcanza os 1.000 euros

Os sindicatos marcan a reunión desta cuarta feira como chave para alcanzar un acordo sobre a suba do salario mínimo interprofesional de 2022
Reunión da mesa do diálogo social desta segunda feira na que se abordou a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) (Foto: Mites).
photo_camera Reunión da mesa do diálogo social desta segunda feira na que se abordou a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) (Foto: Mites).

O Salario Mínimo Interprofesional (SMI) está perto de escalar outro chanzo máis e mesmo alcanzar a barreira dos 1.000 euros que exixían os sindicatos UXT e CCOO na mesa do diálogo social decorrida onte.

Inicialmente, fontes da negociación situaban en 996 euros a proposta do Goberno español, aínda que fontes do Ministerio de Traballo elevaríana despois até os 1.000 euros. Son 35 máis dos 965 euros en catorce pagas nos que está estabelecido actualmente o SMI, unha cantidade que, por outra parte, está dentro da banda media recomendada polo comité de persoas expertas sobre o salario mínimo, que aconsellaba unha suba de entre 24 e 40 euros no exercicio 2022. 

A xuntanza mantida onte entre Executivo estatal, patronal e os sindicatos UXT e CCOO serviu para coñecer a proposta do Ministerio de Traballo. Agora, as partes daranse até esta cuarta feira para consultar e debater o ofrecemento do departamento que dirixe a vicepresidenta Yolanda Díaz nos seus respectivos órganos de dirección.

O resultado desas consultas coñecerase ese mesmo 9 de febreiro ás 17 horas, que é cando teñen convocada unha nova reunión na que, segundo a secretaria de Acción Sindical de CCOO, Mari Cruz Vicente, concluirá con "acordo ou sen acordo", pero cun resultado, pois o tema "non ten moito máis percorrido".

'Respecto' na negociación

Pola súa parte, o vicesecretario xeral de Política Sindical de UXT, Mariano Hoya, subliñou que a súa proposta mantívose "nos 1.000 euros comprometidos que se fecharon en setembro do ano pasado". Daquela, o Goberno español acordara cos sindicatos, e á marxe da patronal, subir o SMI 15 euros, desde os 950 até os 965 euros actuais.

Após a xuntanza, a vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, compareceu en rolda de prensa para dar conta dos avances. Porén, evitou confirmar a cifra da proposta por "respecto" á negociación e limitouse a dicir que vai escoitar as partes. "Os sindicatos sempre queren máis e os empresarios, menos.

Eu fago un pouco de equilibrio entre as partes", explicou Díaz que, con todo, recoñeceu que a ela gustaríalle "ter un salario mínimo de 1.000 euros", como piden os sindicatos, ao tempo que lembrou que o que se decida finalmente afectará a uns dous millóns de persoas no Estado español. 

Suba 'raquítica'

Na Galiza, a CIG, sindicato maioritario que cualificara de "raquítica" a anterior suba do salario mínimo, insiste en que o obxectivo debería ser subilo até un importe que represente 60% do salario medio, tal e como recolle a Carta Social Europea. 

A pesar de que esta suba ─de confirmarse o importe─ duplica a anterior, aínda está lonxe dese obxectivo, que na CIG situaban nos 1.150 euros, unha cantidade que, como lembraban entón, non compensaba a perda de poder adquisitivo da poboación ─a inflación aumentou 6,7% na Galiza en 2021─ polo que tamén pedían ter en conta o IPC. 

En calquera caso, desmentían o impacto da media na destrución de emprego e acusaban o Banco de España e a CEOE de publicar informes para "confundir" a opinión pública.

Comentarios