Profesorado Celga féchase na SX de Política Lingüística e exixe a demisión de Valentín García

Un grupo de 40 docentes e representantes da CIG-Ensino manteñen un fechamento nas instalacións da SX de Política Lingüística para denunciaren a "actitude caciquil" e "clienteral" da Xunta neste conflito. Exixen a demisión do responsábel, Valentín García. 

CELGA
photo_camera [Imaxe CIG-Ensino]

Esta sexta feira, docentes dos cursos Celga e representantes da CIG-Ensino iniciaron un fechamento na Secretaría Xeral de Política Lingüística para exixiren a demisión de Valentín García. Denuncian a "actitude caciquil" e "clientelar" da Xunta de Galiza pois, após as resolucións das Inspeccións de Traballo que a obrigan a readmitir o profesorado dándoo de alta na Seguridade Social, o goberno optou por @s botar á rúa. 

"Non aceptamos que a administración actúe desta maneira", salientou o secretario xeral da CIG-Ensino en conversa con Sermos Galiza. Anxo Louzao afirma que o comportamento da Xunta de Galiza a respeito do conflito c@s docentes do Celga, constitúe unha "actitude represiva" e de "vinganza" contra o profesorado. Pois, lembra, após ser recoñecida a relación contractual existente entre as persoas que impartían os cursos de lingua galega, Celga, despediun@s. 

CIG-Ensino denuncia a "actitude represiva" e "caciquil" da SX de Política Lingüística 

"Estamos aquí e permaneceremos", indicou o secretario xeral da CIG-Ensino, demandando "a demisión de Valentín García como fixemos desde o primeiro día". Asemade, exixen "a readmisión" do profesorado despedido de acordo coas resolucións das Inspeccións de Traballo e denuncian, que @s docentes "en activo" que están a impartir os cursos do CELGA foron nomead@s "a dedo". 

Exixen a demisión de Valentín García e a re-admisión d@s docentes de acordo coas resolucións das Inspeccións de Traballo

Para a central sindical nacionalista a actitude da Xunta de Galiza a este respeito é "caciquil" e "clientelar" pois para alén de demandar a impartición dos cursos a profesorado da materia de Lingua e Literatura Galegas como horas extraordinarias, fíxoo "sen ningún criterio". A CIG-Ensino desenvolve desde hai semanas unha campaña nos centros de ensino de todo o país para procurar que o profesorado de galego non asumise a impartción dos cursos Celga e se solidarizase co persoal despedido que, asemade, posúe a formación precisa para desenvolvelos. 

A campaña, que tivo, sinalan, "unha moi boa acollida" entre o persoal docente visa defender os dereitos de máis de 50 profesor@s despedid@s que deben ser readmitidos de acordo coas resolucións das Inspeccións. 

Comentarios