Persoal médico protesta ante unha sanidade galega ao límite: "Non substitúen ninguén, nin xubilacións nin vacacións"

Persoal sanitario protesta pola “mala xestión dos recursos humanos” na sanidade pública galega e “o consecuente aumento da presión asistencial”. Alertan de que está sen crubir 50% do persoal, con axendas médicas que superan as 60 persoas e mesmo as 80.

Os cadros de persoal están reducidos á metade en boa parte dos centros de saúde da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os cadros de persoal están reducidos á metade en boa parte dos centros de saúde da Galiza. (Foto: Europa Press)

Profesionais sanitarios participaron en Pontevedra nunha concentración realizada esta cuarta feira, 4 de agosto, diante do complexo hospitalario pontevedrés para protestar pola "mala xestión dos recursos humanos" na sanidade pública "e o consecuente aumento da presión asistencial á que todas as traballadoras e traballadores están sometidos".

Os convocantes desta protesta foron os sindicatos CIG, UXT, CCOO, Omega, CSIF, Prosagap, Satse e CESM que reclamaron á Xunta da Galiza a mellora da atención e dos recursos humanos "para que todos os colectivos poidan traballar en condicións dignas".

Esta cuarta feira houbo concentracións nos centros de saúde pontevedreses da Parda, Monte Porreiro, Lérez, Pontesampaio e Peregrina e tamén nos dos concellos de Bueu, Marín, Moraña, Cuntis, Caldas de Reis, Soutomaior, Vilaboa, Sanxenxo e Poio, pertencentes a esta área sanitaria.

Os sindicatos convocantes reiteraron as súas denuncias pola "sobrecarga" que padecen desde hai anos e que incrementa "até límites inasumíbeis" na época estival.

"Non substitúen ninguén, nin xubilacións nin vacacións", subliñan os sindicatos, que critican os discursos da Xunta e dos responsábeis do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que escudan as deficiencias en número de persoal na Atención Primaria por unha suposta falta de profesionais dispoñíbeis na Galiza para realizar estas substitucións. De feito, esta mesma semana tanto o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, como o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceron publicamente as eivas de persoal da Atención Primaria e Hospitalaria galegas. Con todo, non atribuíron estas deficiencias aos recortes da Xunta en medios e persoal -denunciados por asociación profesionais, entidades de pacientes e sindicatos-, senón que as atribuíron "á ausencia de médicos no mercado" para contratar.

Resposta de Sanidade

O Servizo  Galego de  Saúde, a través da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, sinalou nun comunicado este 4 de agosto que mantén a súa planificación estival de Atención Primaria na súa rede de centros de saúde, "xestionando os recursos dispoñíbeis baixo criterios de continuidade asistencial e compatibilizando o deber de prestar asistencia sanitaria co dereito dos profesionais ao seu descanso vacacional".

No comunicado engaden que "ante a imposibilidade de cubrir a totalidade das ausencias estivais --xa sexa con profesionais de listas de contratación ou con persoal voluntario--, óptase por efectuar ben prolongacións de xornada ou  intersustituciones; é dicir, que o resto dos profesionais dun mesmo centro de saúde atenden provisionalmente a cota de consultas de pacientes correspondentes ao profesional ausente".

"Máis investimento e mellor planificación"

Pola súa banda, os sindicatos alertaron ademais de que "se están atrasando citas e isto pode implicar atrasos en diagnósticos". Por todo iso, seguirán con protestas até conseguir "máis investimento e mellor planificación", tanto na Atención Primaria como na Hospitalaria.

Finalmente, pediron o apoio das e dos pacientes para que dirixan as súas queixas aos xestores da sanidade e non ao cadro de persoal médico e enfermeiro. "A xente debe pór follas de reclamación", conclúen, para que incrementen os recursos humanos.

Precaria situación na área sanitaria de Vigo

En canto á área sanitaria de Vigo, a CIG-Saúde emitiu esta cuarta feira un comunicado en que denuncia a situación “insostíbel” que se está a dar ao non se cubriren as vacacións do persoal e coa quinta onda da Covid-19 na Galiza.

“Centros a 50% do persoal sanitario, baixas ou outros permisos, listas de agarda que superan os 15 dias e incluso chegan ao mes, persoal administrativo sobrepasado polo aumento da carga administrativa derivada de tramites de Chave 365 ou relacionadas coa Covid-19 e a vacinación, aumento de situacións de violencia ou agresións, axendas médicas que superan as 60 persoas e que nalgúns profesionais teñen chegado ou superado os 80”, denuncian.

Indican ademais no comunicado a situación acontecida na terza, 3 de agosto, no Centro de Saúde de Oia e Pazos de Borbén sen persoal facultativo no seu centro e vendo derivada a asistencia urxente á Guarda e Fornelos ou SAP de Redondela respectivamente, e incluso ao 061. “Esta situación é posíbel que se volte a repetir nos vindeiros dias. Cabe dicir que ambos centros da Guarda e Redondela “están moi mermados de persoal e con listas de agarda que superan os 15 dias, e o de Fornelos só conta cun único facultativo”, sinala a CIG.

A situación no Centro de Saúde no Rosal non é moito mellor, indica o sindicato, onde o dia 2 de agosto unha soa médica quedou á fronte dun centro de saúde que conta con tres cupos e que levan atendendo até 80 doentes nun dia na pasada semana.

Comentarios