O primeiro semestre deixa na Galiza 28 mortos en accidentes laborais

Máis de 11.400 sinistros desde xaneiro
Repsol simulacro emerxencias accidente sinistro

A sinistralidade laboral continúa a ser un grave problema na Galiza, que lidera os índices de mortaldade no traballo a nivel de Estado.

Un total de 28 persoas falecen en accidente laboral no primeiro semestre na Galiza. O noso país rexistrou un total de 11.493 accidentes laborais no primeiros seis meses do ano. Entre eles, ademais dos mortais, houbo 207 graves e 11.258 leves. Do total, 27 dos sinistros con falecidos na Galiza producíronse na xornada laboral e un en  itínere. 

Estas 28 vítimas mortais supoñen unha menos que as 29 do primeiro semestre de 2019, aínda que este ano estivo marcado polo confinamento e o estado de alarma a raíz do coronavirus.

Evolución

Ao longo de 2019 un total de 32.651 traballadores e traballadoras sufriron accidentes na Galiza, sinistros nos que se produciron 62 mortes.

Galiza está á cabeza do Estado español en índice de incidencia (número de accidentes por 100.000 traballadores) en sinistros laborais mortais. Duplicamos a media estatal no que é unha constatación máis do preocupante panorama que nos accidentes laborais rexistra Galiza. No Estado hai 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadoras. Na Galiza hai 6.05.

Empresas

Ademais, hai que ter con conta que Galiza é o territorio con máis empresas que superan os límites de sinistralidade laboral.

Na Galiza hai medio cento de empresas que superan os límites de sinistralidade, tal e como recolle un informe de CCOO sobre sinistralidade laboral con datos correspondentes a 2018.

A Seguridade Social conta co sistema Cepross, un ‘servizo de alertas’ que ofrece a posibilidade de detectar aquelas empresas que superaron os límites de alerta establecidos.  

As 45 empresas que na Galiza superaron os límites de sinistralidade representan 18 % das detectadas no conxunto do Estado español. Só Madrid, con 42, achégase aos niveis da Galiza. 

“As alertas nesas 45 empresas na Galiza producíronse en 56 EEPP. Polo tanto, existen empresas onde as alertas detectaron máis dunha enfermidade profesional”, explican no documento sindical.

Comentarios