Un Primeiro de Maio pola derrogación das reformas laborais e da Lei Mordaza

Trece mobilizacións convocadas pola CIG decorrerán no Día internacional da clase obreira. A denuncia do papel da UE na crise das persoas refuxiadas tamén estará presente nas mobilizacións.

Manifestación da CIG (Arquivo)
photo_camera Unha manifestación da CIG

A CIG mantén para o Primeiro de Maio, Día internacional da clase obreira, a reivindicación e demanda do Dez de Marzo, Día da clase obreira galega. Non é de extrañar. O albo das mobilizacións convocadas en ambas dúas datas pola central nacionalista é a anulación da reforma laboral e da Lei Mordaza, dúas normas con efectos directos (e prexudiciais) na vida da maioría social.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, explicou nunha comparecencia, que a CIG exixe a derrogación das reformas laborais tanto do PSOE como do PP. “Buscaban ir cara un modelo de relacións laborais cada vez máis individualizado, prexudicando claramente á clase traballadora, na medida en que así se debilitaron tanto as súas condicións laborais como a súa capacidade de resposta fronte a patronal”.

Flexibilidade na contratación; a modificación substancial das condicións de traballo; facilitar o despedimento tanto de carácter individual como colectivo; facilitar ás empresas o incumprimento dos convenios e mesmo facilitar que moitos deses convenios acaben caendo se non se negocien, como está a pasar agora, ao suprimir a ultraactividade; son algúns dos efectos desas reformas. Efectos que se traduciron nunha caída moi importante dos salarios, o incremento da precariedade laboral, da contratación a  tempo parcial e unha “fraude enorme” na contratación.

Lei Mordaza

Xunto a isto, a CIG demanda tamén a derrogación da Lei Mordaza que Seixo definiu como un instrumento “para reprimir de forma directa, sen ter que chegar aos xulgados, calquera mobilización social”. Lembrou o secreatario xeral que se trata dunha lei “enormemente arbitraria e discriminatoria”, que calquera goberno pode aplicar para, de inmediato, “reprimir e castigar a aquelas organizacións sociais que promovan a mobilización social”.

Políticas da UE

A terceira das reivindicacións da CIG neste Primeiro de Maio ten que ver co modelo de Unión Europea que se está a construír, do que a CIG xa alertou candoo a integración do Estado español no daquela Mercado Común. “Denunciabamos os prexuízos que ía ter nos termos nos que se estaba producindo para o noso país –Galiza- pero a maiores estamos vendo como nos últimos anos, so pretexto da crise económica se están a promover por parte da UE recortes en materia de dereitos laborais e sociais”.

Xunto a isto incidiu especialmente no tratamento que se está dando ás rpersoas efuxiadas cun comportamento que cualificou de “inhumano”, denunciando a “hipocrisía de pretender presentarse como unha UE defensora dos dereitos humanos” .

Manifestacións

* Vigo: 12:00 h do Cruce da Doblada

* A Coruña: 12:00 h, Praza de Vigo

* Pontevedra: 12:00 h, Praza da Ferrería

* Ferrol: 12:00 h, Avda de Esteiro

* Santiago: 12:30 h da Praza Roxa

* Lugo: 12:00 h da Ronda da Muralla

* Ourense: 12:00 h do Pavillón dos Remedios

* Ribeira: 12:00 h da Praza do Peixe

* Foz: 12:30 h diante de Facenda

* Vilagarcía: 12:00 h da Casa do Mar

* A Estrada: 12:00 h da Praza do mercado

* Cee: 12:30 h Praza do Concello

* Cangas: 17:00 h desde o concello


 

Comentarios