Primeiro de maio masivo en Galiza contra a Troika ás portas do 25M

A CIG chamou a rexeitar as políticas da Unión Europea que só xeran "explotación e pobreza" e Suso Seixo pediu o apio ao nacionalismo galego para que Galiza teña presenza en Bruxelas. CCOO e UGT apostaron por novos pactos sociais fronte a austeridade.

vigo1
photo_camera Máis de 20.000 persoas manifestáronse coa CIG en Vigo

En plena precampaña electoral e cando restan apenas semanas para a celebración dos comicios ao Parlamento Europeo, as rúas galegas expresaron este primeiro de maio a súa frontal oposición ás políticas de recorte impostas pola Unión Europea e executadas polo PP desde o Goberno español e Xunta. A mensaxe máis contundente proveu do sindicalismo nacionalista que realizou 12 manifestacións en todo o país baixo o explícito lema "Contra a explotación e a pobreza, enfrontémonos á Unión Europea".

"Se o nacionalismo galego está en Bruxelas,Galiza estará presente" afirmou Seixo

O secretario xeral da CIG desde a manifestación central, que tivo lugar en Vigo e que contou con máis de 20.000 persoas, denunciou que as políticas que dita a Troika e que executan os gobernos "da socialdemocracia e da dereita reaccionaria" pretenden seguir “transferir rendas do traballo e recursos públicos ao capital financeiro, incrementando así o seus beneficios e o seu poder económico e político”. Xesús Seixo, lanzou unha mensaxe á clase traballadora galega a respecto da inminente convocatoria electoral chamando a apoiar ao nacionalismo galego o 25M. "Se o nacionalismo galego está en Bruxelas,Galiza estará presente" asegurou, salientando a importancia de que o noso país conte con presenza directa nas institucións comunitarias. 

A CIG denunciou que Feijóo goberna "ao ditado de Madrid e da oligarquía española"

Os datos da última EPA que elevan o desemprego en Galiza até un novo máximo histórico, con 296.900 paradas/os e máis de 100.000 fogares con todos os e as membras sen traballo, motivaron unha durísima crítica contra as políticas do Partido Popular.Seixo cargou con dureza contra Feijóo a quen cualificou de "campión da mentira e da manipulación", asegurando que "non goberna en defensa das clases populares nin en chave de país, senón que actúa ao ditado do Goberno central e da oligarquía española". O máximo responsábel da central nacionalista inscribiu a súa crítica nun momento no que "o capital está a aproveitar a súa propia crise e a situación de debilidade do movemento obreiro e das forzas de esquerda para afondar e fortalecer o actual modelo de capitalismo neoliberal".

Seixo que fixo votos a prol dun novo modelo económico e social "máis xusto, igualitario e democrático", anunciou a decisión da dirección da CIG de apresentar unha querela criminal contra os responsábeis das caixas de aforro pola estafa das participacións preferentes.

Berros a prol da folga xeral e indulto para Carlos e Serafín

A manifestación da  CIG en Vigo estivo marcada por insistentes berros a prol da convocatoria dunha nova folga xeral face a dura realidade social e laboral que enfronta a comarca. Unha posibilidade que estivo presente na intervención do Secretario Comarcal, Serafín Otero, na que asegurou que "para a CIG o camiño é insistirmos na loita na rúa e nos centros de traballo"  obxectivo para o que declarou estar "dispostos a todo" facendo referencia expresa a "botar man da nosa principal arma, a folga xeral". 

Os traballadores Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, que continúan baixo a ameaza de ingresaren en prisión durante tres anos por participar dun piquete informativo nunha folga do transporte, recibiron novas mostras de apoio. Otero clamou exixindo do Goberno español "o indulto inmediato" para ambos os dous traballadores. 

Portando un cravo Serafín Otero agradeceu a presenza do capitán do 25 de abril portugués, Durán Clemente, e proclamou que "Abril é o futuro", en alusión á revolución democrática e social vivida no país veciño há catro décadas.

Na mobilización da CIG tomaron tamén parte a candidata do BNG, Ana Miranda, acompañada polo eurodeputado francés José Bové e o portavoz nacional da fronte nacionalista, Xavier Vence. AGE dividiu a súa presenza, xa que por unha banda Xose Manuel Beiras e a candidata de Lidia Senra, participaron na manifestación da CGT e a CUT, para logo se incorporar na da CIG, e dirixentes de EU optaron como é tradicional pola de CCOO e UGT, á que tamén se sumou o PSOE.

CCOO e UGT piden a fin da austeridade mais insisten no pacto social

Tamén na cidade olívica celebraron CCOO e UGT a súa manifestación central en Galiza. Desde ela o secretarios xerais Gómez e Sánchez Anguión, aseguraron que o 25M a clase traballadora "terá a oportunidade de escoller entre o actual modelo, de recortes e a precarización das condicións de vida e de traballo, ou aportar por alternativas que rematen coa austeridade". As centrais sindicais españolas resumiron a súa alternativa subscribindo as propostas da Confederación Europea de Sindicatos (CES), que inclúen a posta en marcha de plans sectoriais "que posibilitarían crear once millóns de empregos na UE" asi como "poñer fin aos recortes de gasto, aumentar os salarios e reforzar as prestacións e redes de protección social". 

Porén, ambas centrais insistiron na súa aposta pola concertación ao propugnar a necesidade de novos "pactos políticos e sociais" para o emprego, a reactivación da economía e a defensa da democracia. O pasado 18 de marzo os máximos dirixentes de CCOO e UGT mantiveron un encontro segredo con Mariano Rajoy e o presidente da patronal española, no que entre outros aspectos acordaron a renovación do pacto de "moderación salarial".

CUT, CNT e CGT avogan pola fin do capitalismo

Pola súa banda autodenominado "sindicalismo alternativo" realizou convocatorias de seu. Canda a CUT, CNT e CGT, participaron o STEG, o Sindicato de Xornalistas, o de Ferroviarios e o de Elevadores. Con actos en Compostela, Vigo, Ourense e A Coruña, as organizacións convocantes apostaron pola superación do sistema capitalista, que cualificaron de "sistema agónico que nos está despoxando de todos os nosos dereitos" chamando a "enfrontar e frear as políticas dos gobernos da Troika". Aliás, rexeitaron a democracia formal apostando por unha "verdadeira democracia popular" que en Galiza, aseguran, "está por inventar"

Comentarios