O prezo do leite na Galiza volve a setembro de 2015

As explotacións perciben, de media, 0,282 céntimos por litro en orixe mais o Ministerio de Agriculcura defende que a situación é de "estabilidade nos prezos". 

Manifestación en defensa do sector lácteo
photo_camera Manifestación en defensa do sector lácteo [Imaxe de arquivo]

A crise do sector lácteo agudízase, de novo. Os prezos medios declarados en orixe no que vai de ano --de acordo co informe presentado polo Fondo Español de Garantía Agraria-- evidencian que as explotacións gandeiras están a percibir valores próximos aos do mes de setembro do pasado ano e logo dun pequeno incremento durante finais de 2015. Entretanto, os custes de produción --segundo apuntan diversos estudos-- sitúanse entre os 0,33-0,39 céntimos ou mesmo por riba dos 0,41€ como indica o Estudo de Custes e Rendas das Explotacións Agrarias (ECREA) do Ministerio de Agricultura. 

As institucións españolas e europeas, embora non seren alleas á situación límite que atinxe o sector na Galiza, principal produtora do estado español e un dos territorios de maior produción de leite da UE, continúan a derivar nas explotacións a responsabilidade instándoas a se agrupar e reducir a produción. Así as cousas, desde o goberno de Madrid, a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, insiste en que a situación do Estado español é de "estabilidade de prezos". Ora ben, á baixa. 

No último mes botaron o feche 49 explotacións que se suman ás 35 desaparecidas entre xaneiro e febreiro de 2016

Entrementres, o número de explotacións declaradas na Galiza continúa a minguar. No último mes botaron o feche 49 que se suman ás 35 desaparecidas entre xaneiro e febreiro de 2016, de acordo co informe mensal do FEGA. Así, no primeiro trimestre do ano pasaron de 9.078 a 8.994. Malia todo, Galiza continúa a multiplicar por catro o número do seguinte territorio do estado, Asturies, con 2.069

O fin das cotas lácteas deixou un escenario crítico para o sector na Galiza que se reflectiu nas mobilizacións de setembro de 2015 ás que lles puxo fin a sinatura no Ministerio de Agricultura dun acordo criticado por non responder ás demandas das explotacións, nomeadamente a fixación dun prezo mínimo que impedise a venda por baixo dos custes de produción. 

Financiar a redución da produción

Como resposta á crise a UE aprobou en marzo un pacote de medidas entre as que se atopaba a posibilidade de que as explotacións e outros axentes poidan organizarse e reducir a produción. A fórmula fica pendente da negociación que desenvolve a ese respeito a Interprofesional Láctea (InLac) mais descártase a aplicación dunha política conxunta que atinxa por igual a todos os estados membros, como reclaman as organizacións agrarias en boa medida para teren garantías as explotacións de que a súa redución na produción non será compensada coa importación de leite foráneo. 

A UE deixa en mans das explotacións a xestión da crise e rexeita adoptar medidas en conxunto como reclaman as organizacións agrarias

Desde Madrid, García Tejerina insistiu ás portas do Consello de Ministros da UE esta terza feira (17 de maio) en que as demandas do goberno español están "atendidas" porén, como recollen diversos medios de comunicación, fontes do Consello aseguraron que a ministra non trasladou ningunha específica na xuntanza. Desde o ministerio din estar a estudar a posibilidade de canalizar axudas públicas para promover a redución voluntaria da produción. 

O Consello da UE reunirase de novo o 27 de xuño, un día despois das eleccións ás Cortes españolas. 

Comentarios