O prezo do leite, en caída libre

Galiza produce o leite peor pagado da UE. O sector treme fronte á supresión das cotas lácteas en abril.

Leite

Coa liberalización do sector lácteo ás portas --o sistema de cotas desaparece o 1 de abril-- as explotacións leiteiras galegas continúan a percibir os prezos máis baixos do estado. Desde as organizacións agrarias urxen a implicación da Xunta en reformas como a do paquete lácteo e a convocatoria dos órgaos interprosionais como a Mesa do leite. 

Embora en 2014 o prezo medio alcanzado polo leite no conxunto da UE subir un 2% (38,03 euros por tonelada) no noso país a tendencia foi á baixa caendo entre 6 e 7 euros a tonelada ao longo do ano. Neste senso, en Galiza o prezo pagado por litro sitúase 2,5 céntimos por baixo da media española, o que resulta en importantes perdas para o sector malia representar o 40% da produción estatal. 

Desde as organizacións agrarias responsabilizan o goberno da Xunta desta realidade. "Evidentemente a día de hoxe a produción de leite neste país foi a grande esquecida do goberno galego, e unha boa parte das explotacións lácteas galegas están pasando por momentos de enormes dificultades como consecuencia dos baixos prezos que están a percibir por litro de leite", apuntan desde a Fruga. 

En Galiza o prezo pagado por litro sitúase 2,5 céntimos por baixo da media española

Pola súa banda, desde o Sindicato Labrego Galego aseguran que "o agravio comparativo que sofre Galiza na cuestión dos prezos é vergoñento: mentres que en todo o Estado o prezo do leite está á alza, experimentando unha tímida recuperación desde outubro, na Galiza non parou de baixar, situando á maioría das nosas explotacións por baixo dos 30 céntimos, e cun diferencial de 3 céntimos a respecto das outras comunidades que menos cobran". 

Segundo o profesor Edelmiro López Iglesias son tres as razóns principais de que se produza esta distorsión: as características da súa “cadea láctea”, a existencia dunha industria “feble” e a escasa aposta desta na transformación en produtos cun valor engadido, explicaba na reportaxe publicada en Sermos Galiza sobre as razóns do baixo prezo do leite galego. 

O poder da industria 

Para Edelmiro López Iglesias, un dos trazos do sector que inflúen na fixación dos prezos é que “a cadea láctea está desartellada”. “Os produtores non poden organizarse” nen “defender mellores prezos", pois “o poder da industria” no proceso de toma de decisións “é moi forte” e “aínda o é máis no caso das distribuidoras”. Para o ex ­director xeral de Desenvolvemento rural, este feito “impulsa os prezos á baixa” pois ao non existir un marco regulador nas relacións entre os distintos axentes do sector, o que impera é “a lei da selva”.

López Iglesias: Os produtores non poden defender mellores prezos pois o poder da industria” na toma de decisións “é moi forte” e “aínda o é máis no caso das distribuidoras”

"Todos e todas sabemos que os prezos do leite os impón unilateralmente a industria, sen que exista, na actualidade, ningún sistema de mediación entre as empresas e as granxas, nin ningunha referencia de prezos na que se contemplen os custes de produción", afirman desde o SLG. "A solución á actual conxuntura pasa por crear mecanismos que xestionen a produción e controlen o mercado, tal e como están a facer no Reino Unido, onde se van pór en marcha medidas de sanción contra prácticas de abuso das distribuidoras. Isto último contrasta coa actitude do Estado Español, onde o único que fixo o Ministerio de Agricultura foi redactar un código de boas prácticas para as distribuidoras e pedirlles o seu cumprimento voluntario, medida que, a día de hoxe, xa demostrou o seu absoluto fracaso", acrecentan. 

SLG: "Todos e todas sabemos que os prezos do leite os impón unilateralmente a industria, sen que exista, na actualidade, ningún sistema de mediación entre as empresas e as granxas"

Neste senso, desde a Federación Rural Galega (Fruga) exixen que a reforma do paquete lácteo que se está a debater no Estado español e que a Xunta apoia como saída principal á crise, fixe novos criterios para a constitución das Organizacións de Produtores de Leite (OPL). "Demandamos que os requisitos para a creación dunha OPL sexan semellantes a outros estados da Unión Europea, recoñecendo que no futuro as negociacións do prezo do leite van pasar por este tipo de organizacións". Da mesma maneira, Fruga e Sindicato Labrego Galega instan a convocatoria dos órgaos interprofesionais, como a Mesa do Leite, que desde a chegada de Feijóo á Xunta "ou desapareceron" ou "non se convocan". 

A Xunta responsabiliza as OPL do baixo prezo 

A partir do 1 de abril o escenario no que se mova o sector será substancialmente distinto após a desaparición das cotas lácteas. Que pensa facer a Consellaría de Medio Rural é a pregunta que se formulan desde as organizacións agrarias e as propias explotacións.

Fruga: "A dia de hoxe a produción de leite neste país foi a grande esquecida do goberno galego"

Desde a Xunta a directora xeral de Produción agropecuaria, Patricia Ulloa, lembrou en sesión parlamentar o 13 de febreiro a aposta do goberno galego na reforma do paquete lácteo e da duración dos contratos asinados entre as explotacións e a industria, que pasarían a rexer a relación por un período dun ano. 

Mais a administración bota balóns fóra e responsabiliza dos baixos prezos e da crise que atinxe o sector as explotacións ao considerar que as OPL "non foron quen de levar a termo nen unha soa negociación". Ulloa asegura que o traballo desenvolvido pola administración pasou por "fomentar" e "impulsar" medidas no Estado español e na Unión Europea. Porén, desde as forzas da oposición critican que a Xunta culpe as OPL dun contexto de prezos nos que o último elo da cadea de valor --as explotacións produtoras-- ten pouca capacidade para intervir na fixación dos prezos. 

Comentarios