Preocupación no persoal de DIA na Galiza após o anuncio de 2.100 despidos no Estado

O cadro de persoal está composto no noso país por mil empregados e empregadas. A noticia do ERE xerou unha “gran tensión” entre traballadores e traballadoras, recoñece Juan Zas, de CCOO.

dia

O anuncio o pasado 8 de febreiro de que a cadea DIA abría un proceso para un ERE colectivo que afectaría 2.100 persoas no conxunto do Estado está a xerar “preocupación” e unha “gran tensión” entre os traballadores e traballadoras desa compañía en Galiza, segundo Juan Zas, responsábel de Comercio de CCOO Galiza. 

En conversa con Sermos Galiza, Zas explica que aínda non sabe como esa medida, os 2.100 despedimentos, vai afectar ao persoal na Galiza. “Tras ese anuncio hai un prazo de 15 días para constituír a mesa negociadora e aí si que xa saberemos detalladamente cal é a proposta da empresa e como nos afecta”.

DIA ten na Galiza algo máis de mil traballadoras e traballadores, nomeadamente nos concellos da Coruña. En Compostela ten o seu almacén loxístico para distribuír mercancías ás súas tendas e estabelecementos no noso país.

Zas afirma que DIA ten un cadro de persoal “moi axustado”, polo que calquera medida de despedimento vai ter unha repercusión no resto, sinala, e mesmo pode apuntar a que se fechen estabelecementos da compañía.

A respecto da situación de DIA, Juan Zas lembra que Comisións Obreiras levaba meses demandando no comité intercentros que se adoptasen as medidas necesarias para reverter a situación á que se encamiñaba esta compañía. CCOO entende que  este ERE “é desproporcionado”.

Comentarios