xoves 06/08/20

Precariedade Viral: "Só a denuncia, a protesta e a organización colectiva pode axudarnos a deter os abusos laborais"

As contas de Instagram e Twitter Precariedade Viral recompilan as testemuñas de traballadoras e traballadores que denuncian distintos tipos de abusos laborais cometidos a raíz da corentena aprobada polo Goberno central. Ademais, demandan un plan de "choque social" que permita "afrontar esta situación sen repetir os erros do pasado".
Precariedade Viral: "Só a denuncia, a protesta e a organización colectiva pode axudarnos a deter os abusos laborais"

"Hoxe pola noite, en pleno estado de alarma, fun traballar. Na miña fábrica traballan varios miles de empregados, algúns dos cales xa están en corentena ao ter síntomas de coronavirus. Aínda así a empresa decidiu continuar coa súa actividade”.

A testemuña dun traballador da fábrica de PSA-Citröen é unha das recompiladas na conta de Twitter e Instagram Precariedade viral.A crise do COVID-19 está a ocasionar multitude de conflitos laborais. Coma sempre, somos a clase traballadora a que levamos a peor parte”, explican as mozas e mozos galegos que impulsan esta iniciativa, baixo a premisa de que “só a denuncia, a protesta e a organización colectiva pode axudarnos a deter estes abusos”.

A pasada segunda feira, os sindicatos reclamaron o peche “inmediato” da fábrica de automóbiles, previsto para a vindeira cuarta feira. As representantes sindicais aseguraron que non se cumprían as condicións de seguridade e prevención axeitadas.

Así o relata tamén a testemuña recollida por Precariedade viral: “Nada máis entrar atopámonos cunha fileira de persoas que acudían á súa quenda, era imposíbel respectar unha distancia de seguridade mínima. Tampouco no posto de traballo, no que nos situamos en moitos casos ombreiro con ombreiro”.

As súas impulsoras tamén reclaman un “plan de choque social”: “Demandamos a paralización dos despedimentos, unha renda básica, ou a suspensión de alugueres e hipotecas que nos permitan afrontar esta situación sen repetir os erros do pasado”.

Estabelecementos de comida rápida

"Traballo nunha empresa que entrega pizza a domicilio; unha co logo branco e vermello que non paga o Salario Mínimo Interprofesional aos seus traballadores. Pois ben, seguimos abertos, porque supostamente repartimos bens de primeira necesidade, sen as mínimas condicións de seguridade para repartidores nin auxiliares”, explica outra das testemuñas, empregada da compañía Telepizza.

Os estabelecementos de restauración e o reparto de comida a domicilio están incluídos nas excepcións decretadas polo Goberno estatal de peche de empresas. No caso das da denominada comida “rápida”, hainas que decidiron pechar os seus locais no Estado e levar a cabo un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE). O aprobado pola xigante estadounidense da alimentación Burguer King, afectará arredor de 14.000 empregadas e empregados.

“Na miña tenda decidimos plantarnos e, cunha votación moi maioritaria, e pechar”, segue a testemuña partillada por Precariedade viral, “a resposta foi que isto pódese considerar como falta ao traballo e podería ser motivo de despido”. Esta traballadora engade que Telepizza negocia, como Burguer King, un ERTE “cos sindicatos maioritarios, UXT e CCOO, polo que previsibelmente iremos ao paro vendo reducida a nosa capacidade adquisitiva”.

Recompilar as voces da precariedade

Outra das voces recompiladas na conta é a dunha técnica en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE). “Traballo como auxiliar de axuda no fogar coidando a unha persoa maior. Esta mañá cando ía ao meu posto de traballo chamáronme para dicirme que non fose a traballar hoxe, que non precisaban a miña axuda estes días”, explica esta veciña de Ribeira.

“Horas máis tarde recibín unha mensaxe dicíndome que visto que non se sabe cantos días durará a corentena teño que coller vacacións (non remuneradas, como non, polo tipo de contrato que desempeño). Tamén me comenta que se a corentena dura moito tería que anular o contrato (e non me especifica se comezaría outro contrato ou se é unha finalización total, ou sexa, un despido)”, continúa.

Precariedade Viral convida nas súas canles ás traballadoras e traballadores a compartir as súas testemuñas, denuncias ou anécdotas a nivel laboral. “Sobreexplotación, despidos improcedentes, falta de información”, debullan, “só xuntas poderemos evitar que esta nova crise a paguemos os de sempre”.

comentarios