Precariedade tamén no paro: máis de 60.000 persoas desempregadas e sen ningunha prestación

A taxa de cobertura era en 2009 superior a 63% e na actualidade está en 60%, catro puntos por baixo da media estatal.

paro desemprego traballo

Das 166.000 persoas que na Galiza están rexistradas no paro unha parte significativa, 60.200, non perciben ningún tipo de prestación ou cobertura.. Son, pois, 60.200 persoas que están no desemprego e non teñen ningún tipo de prestación ou axuda por esta situación. A taxa de cobertura por desemprego pasou de estar en 63% en 2009, inicios da crise, a ser agora de 60,4%. Unha porcentaxe que está por baixo da media española en case que catro puntos. No conxunto do Estado é de 64,8%.

Mais das 91.700 persoas que están no paro e son beneficiarias dunha prestación, só 46% delas perciben prestacións de carácter contributivo. Hai máis de 42.000 parados e paradas na Galiza que reciben cobertura denominada ‘asistencial’ (subsidios, renda activa de inserción e PAE).

A contía media da prestación de carácter contributivo está de media mensual en 814 euros (máis de 840 no Estado).

Fonte de ingresos

Os fogares de oito comarcas galegas teñen nas prestacións sociais a súa principal fonte de ingresos. Trátase de Os Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova e Viana. Segundo un informe publicado polo Instituto de Estatística de Galiza (IGE), nestas comarcas o volume salarial que entra nos fogares é menos que as prestacións. A porcentaxe da poboación maior de 65 anos supera 36% nestas oito zonas, cando a media de Galiza é de 23,98%, segundo os indicadores demográficos do IGE.

Comentarios