O PP tomba a ILP pola consolidación do emprego público apoiada por máis de 10.000 sinaturas

A toma en consideración desta iniciativa lexislativa popular contou cos votos a favor de BNG e PSdeG.

Manifestacion por Iniciativa legistaliva popular
photo_camera (Foto: Arxina)

Máis de 10.000 sinaturas apoiaban a Iniciativa lexislatura popular (ILP) pola consolidación do emprego público impulsada pola CUT. Mais de pouco valeron as firmas fronte a un PP que optou por tombar mesmo a toma en consideración desta iniciativa, que si tivo o respaldo de BNG e PSdeG.

“Nunha nova burla do PP á soberanía popular, o voto das súas deputadas e deputados serviu para frear, con 39 votos en contra, o trámite á Iniciativa Lexislativa Popular para a consolidación de emprego do persoal en fraude ao servizo do Sector Público Galego que se debatía a proposta da CUT hoxe no Parlamento Galego”, indica o sindicato, a Central Unitaria de Traballadoras.

Os 33 votos de BNG e PSOE instaban a continuar coa tramitación desta norma, que esixía “decisións valentes que lle poñan couto ao drama da temporalidade no sector público”.

A responsábel de Emprego Público da CUT, Andrea Estévez, recordou na súa intervención ante a Cámara que “así é como se dilapidan os nosos recursos públicos, na dinámica máis absurda da historia: contratar, formar e logo despedir ás traballadoras abusadas. Incluso nos últimos anos, e botando man dos sindicatos de concertación CCOO, UGT e CSIF, chegáronse a pactar, de costas ás afectadas, medidas cosméticas que supuxeron auténticos ERE encubertos; dirixidos a expulsar do emprego público ás traballadoras temporais”.

Para a sindicalista “esta Iniciativa Lexislativa dá conta da preocupación masiva coa que se esixe o respecto ao dereito das traballadoras en abuso, polo que máis de 10.000 persoas se decidiron a poñerlle voz ao drama da temporalidade e agardan desta cámara unha mostra de respecto”.

Para Andrea Estévez “o PP tombou a oportunidade histórica que o pobo traballador galego pon sobre a Mesa do Parlamento, amparada por 10.000 sinaturas de cidadás galegas, coa única solución legal, viábel e xusta á lacra da temporalidade: o establecemento dun instrumento para que o persoal abusado poida adquirir a fixeza, a través dun mecanismo excepcional que repare o abuso”.

A intervención da responsábel de Emprego Público da CUT en sede parlamentar remataba cunha advertencia: “Se a solución non pasa por este Parlamento teñan claro, señorías, que as rúas non calarán”. A sesión desta mañá foi mostra certeira desta realidade; “sen non seguimos enchendo as rúas e fomentando a mobilización, os responsábeis do drama da temporalidade seguirán cómodos na súa impunidade”.

Comentarios