PP e PSdeG negan o apoio ás reivindicacións de Xeal

O comité de Xallas Eléctrica e Aleacións (Xeal) comunicou aos medios o seu descontento pola falla de apoio de populares, con voto negativo, e socialistas, que se abstiveron, a apoiar no Pleno da Deputación da Coruña as reivindicacións do cadro de persoal da factoría.
xeal
photo_camera Vista da factoría de Xeal en Cee (Foto: Nós Diario)

O comité  de Xallas Eléctrica e Aleacións (Xeal) pon en coñecemento dos medios de comunicación, esta cuarta feira, o seu descontento polo rexeitamento da moción que presentou no Pleno da Deputación da Coruña que decorreu nesta xornada.

A antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e as centrais hidroeléctricas remitiulles aos diferentes grupos políticos con representación na Deputación coruñesa a súa moción, co obxectivo de que a levaran a debate no pleno e realizasen declaracións en apoio das reivindicacións do persoal.

O comité solicitaba da Deputación que se instara a Xunta de Galiza a recoñecer a nulidade da operación de venda realizada por FerroAtlántica (Grupo FerroGlobe) a TPG-Ithaka, “por non terse requirido a autorización administrativa previa correspondente, tal e como se requiriu no ano 1992 para a adquisición da entón Carburos Metálicos”.

Xunto a isto, o comité pedíalle ás administracións “que interviñesen ante a empresa para demandar a inmediata posta en marcha dos fornos e a cobertura de todos os postos de traballo destruídos tanto no cadro de persoal, como de emprego eventual como na industria auxiliar, dende a chegada de Ithaka á dirección”.

De igual modo, lembran no comunicado, que solicitaban que se intercedese pola readmisión dos traballadores inxustamente despedidos nas últimas semanas.

Así mesmo, conclúen “o comité lamenta e non entende o sentido do voto tanto do Partido Popular (PP), en contra, como da complicidade da abstención do Partido Socialista (PSOE), que deixan sen efecto esta reivindicación para trasladar a Xunta”.

 E engade que “as fábricas viven un proceso de desmantelamento progresivo, redución drástica da actividade dos fornos e destrución de emprego que pon en perigo a viabilidade das plantas de ferroaliaxes e a continuidade dos postos de traballo”.

Comentarios