Povisa prevé 56 despedimentos e a desaparición dalgúns dos seus servizos

O ERE presentado pola dirección do hospital argüe causas "económicas" e "organizativas" para proceder ao despedimento de máis de medio cento de profesionais. 

Povisa
photo_camera [Imaxes CIG]

Na xuntanza mantida esta quinta feira entre o comité de empresa de Povisa e a dirección do centro coñecéronse finalmente as condicións do ERE extintivo anunciado hai uns días. 

Neste senso, prevese o despedimento de 56 persoas. Trinta e catro por razóns económicas que abranguen 14 persoas do servizo de limpeza do hospital, 5 telefonistas e 6 traballador@s do control de visitas. Estes servizos desaparecerían co despedimento da totalidade de operari@s que actualmente posúen. Aliás, Povisa visa despedir 10 fisioterapeutas, 12 celador@s, 3 persoas da administración de arquivo e 7 de recepción, entre as que se atopan as 4 persoas que compoñen a secretaría clínica, que tamén desaparecería. 

Segundo lle foi comunicado ao comité de empresa a dirección do hospital prevé 5 millóns de euros en perdas para este ano polo que, valéndose da reforma laboral, inician un despedimento colectivo. 

Pola súa banda, @s representantes d@s traballador@s --entre @s que non se atopaba CC.OO-- denuncian non ter recibido información a respeito da situación financeira que atinxe Povisa para alén dos 11 millóns de beneficios que foron declarados no exercicio anterior. Así mesmo, critican que a empresa non lles tiver facilitado os pormenores do acordo asinado co Sergas no mes de setembro e polo que Povisa ingresará 75 millóns de euros anuais durante a próxima década. 

"Isto non é un hospital, é un negocio"

Neste senso, o comité non só puxo en cuestión as razóns argüídas por Povisa para presentar o ERE senón que, afirman, cos despedimentos previstos o centro "aforraría 300 mil euros", unha cifra afastada dos 5 millóns que prevé deixar de ingresar en boa medida polo marcha de 4.500 pacientes a outros hospitais. 

Así é que desde o comité sospeitan que "isto non vai quedar así e tentarán impor outras medidas adicionais de recorte". 

Nos últimos anos, lembrou María Xesús Neira (CIG), presidenta do comité de empresa, a dirección do hospital despediu arredor de 60 persoas pasando dun cadro de persoal de 1.500 a menos de 1.400 empregad@s. "Isto xa non é un hospital, é un negocio puro e duro", salientou. 

O comité asegurou que farán "todo o posíbel" para que o ERE non sexa aprobado. Destarte, após coñecerse a proposta enceta o período de negociación con xuntanzas os días 28 e 30 de xaneiro; e 4 e 6 de febreiro. 

Comentarios