Povisa despide 13 persoas após retirar o ERE

A comunicación confirma as sospeitas do comité de empresa. A dirección do hospital argüe mellorar na eficiencia para xustificar a decisión.

povisa_capa
photo_camera [Imaxe CIG]

Esta sexta feira (27 de febreiro) a dirección de Povisa comunicou através dun comunicado público recollido pola axencia de noticias EFE que despide a 13 persoas do hospital vigués. Aliás, muda as quendas de 16 celador@s e 7 auxiliares. 

A decisión prodúcese semanas despois de anunciar a retirada do ERE polo que prevía o despedimento de medio cento de persoas e logo de asinar un novo convenio coa Xunta de Galiza polo que se lle conceden axudas de 75 millóns de euros públicos ao ano durante máis dunha década. 

O comité convocou unha asemblea de traballadoras/es ás 15.00 horas para abordar os despedimentos e determinar as accións que emprenderán. Desde que Povisa anunciou recortes de persoal, inicialmente através do ERE, o comité asegurou que eran "inxustificados". 

"Eficiencia"

Povisa atribuíu os despedimentos aprobados a "seguir mellorando a eficiencia" do centro hospitalario. 

Para a dirección do hospital a supresión de traballadoras e traballadores na área de celadores, por exemplo, débese a que "boa parte das súas tarefas" fican "sen contido". Aliás, sinalan no comunicado, a supresión de persoal no arquivo clínico responde á incorporación a partir de 2009 dos expedientes electrónicos polo que, afirman, carecen de funcionalidade @s traballadoras e traballadores que ocupaban ese posto. 

A respeito das mudanzas que se introducirán nas quendas de 16 celadores e 7 auxiliares Povisa asegura que se deben á "crecente demanda" de xornadas reducidas entre o persoal. 

Nos últimos catro anos o cadro de persoal pasou de 1.470 a 1.350 persoas. 

Sospeitas no comité

O anuncio remitido esta sexta feira vén dar cumprimento ás sospeitas expresadas a pasada semana polo comité de empresa e que foron trasladadas nunha xuntanza á Consellaría de Traballo do goberno galego. 

Segundo a presidenta do comité, Chus Neira, a retirada do ERE non supuña garantía algunha de se manteren os postos de traballo pois Povisa podería anunciar reducións de persoal argüíndo "causas obxectivas" ou "de produtividade". No entanto, sinalou, estas tampouco estarían xustificadas, ao entender do persoal. 

Comentarios