'Posto a Posto': o programa de emprego público para as transnacionais

O Concello da Coruña puxo en andamento un programa de empregabilidade que fornece traballador@s a empresas como Carrefour durante as vacacións e baixas do persoal habitual. A CIG denuncia o carácter "precario" e "fraudulento" da iniciativa. 

Peto.grande
photo_camera [Imaxe CIG]

O programa de colocación "Posto a posto" iniciado polo Concello da Coruña foi denunciado pola Central Intersindical Galega perante a Inspección de Traballo pola "precariedade" que supoñen os seus empregos. 

Embora ser presentado como un suposto curso de Xestión de almacéns, as persoas inscritas no "Posto a posto" denunciaron estaren sendo colocadas entre o cadro de persoal de empresas transnacionais como Carrefour en substitución d@s traballadoras e traballadores habituais durante as súas vacacións e baixas. Así o denunciaron usuari@s deste servizo público que están a traballar "gratuitamente", denuncian, e sob ameaza de perderen as prestacións que perciben.

E é que, no que vai de ano, apuntáronse a este programa público de colocación laboral 100 persoas procedentes das Oficinas de Emprego. Mais, en troca de recibiren formación son colocadas através de Empresas de Traballo Temporal entre o cadro de persoal de transnacionais. 

Coñecid@s como 'petos vermellos', pola prenda de vestir que @s identifica entre @s demais operari@s, as perscoas colocadas polo Concello da Coruña no Carrefour cubren durante períodos quincenais as prazas que fican vacantes durante as vacacións. Este é o caso de 9 d@s participantes do programa 'Posto a Posto' que denunciaron perante a Unión comarcal da CIG na Coruña a "fraude" da iniciativa municipal. 

As persoas inscritas son colocadas pola ETT ADECCO no Carrefour onde substitúen persoal sen remuneración e sob ameaza de perderen a prestación se rexeitan o posto

Sen remuneración para "maquillar" as listaxes de desemprego

Polas tarefas que desenvolven, como repoñedor@s, non perciben, subliñan, "nen un só euro" para alén de atopárense nunhas "condicións laborais" que, nalgúns casos chegan a supor un "risco para a súa saúde". "Néganselle expresamente os descansos dos que si gozan o resto do cadro de traballador@s", salientan desde a central sindical que detectou tamén outras irregularidades. 

"Non teñen acceso aos mesmos EPIs que o persoal habitual. Como exemplo, un traballador destinado ás cámaras frigoríficas tivo que pasar a súa primeira xornada a -26º coa roupa que traía da casa (unha camiseta), e a partir do segundo día recibiu un fino peto vermello, véndose sometido a un risco grave para a súa seguridade e saúde, polo que tomou a decisión de levar roupa de abrigo da casa", acrecentan. 

Desde a CIG denuncian que o goberno local, encabezado polo alcalde Carlos Negreira, estea a empregar este programa de emprego de maneira "fraudulenta" para "maquillar as listas do desemprego da cidade e presumir de incrementos da contratación".

Neste senso, reclaman que a administración municipal aclare canto diñeiro está a investir nun "programa que só serve para enganar os traballadores e as traballadoras con falsas promesas de emprego, engrosar os beneficios de ETTs coma ADECCO e aprovisionar gratuitamente baixas e vacacións do persoal de grandes multinacionais". 

Aliás, salientan que arredor de medio cento de persoas xa se inscribiron no 'Posto a Posto' ao tempo que outras 300 agardan pola súa incorporación. 

Comentarios