As Pontes sae en apoio das traballadoras da central

Cerca de 2.000 personas segundo os convocantes apoiaron a marcha na xornada de folga.
concentracion as pontes nos diario

Arredor de dúas mil persoas, entre elas todas as comerciantes das Pontes, apoiaron esta terza feira os e as traballadoras da central de Endesa e das empresas auxiliares na súa mobilización polas rúas da vila, paralela a xornada de paros. O cadro de persoal convocara para esta terza feira unha folga de 24 horas que tivo "un seguimento masivo". A central estivo toda a xornada sen actividade, cunha traballadora en servizos mínimos e dúas no caso do ciclo combinado, segundo relatou a Nós Diario o responsábel do sector enerxético de UXT Galiza, Nicasio Pena.

Con esta mobilización en contra da decisión anunciada por Endesa de fechar a central antes de 2022, o cadro de persoal trata de meter presión ás partes para que convoquen a chamada mesa de transición. "Agora que xa hai Goberno queremos esa mesa para que busquen solución se as hai", apunta Pena. 

Esas solucións poderían vir polo emprego da biomasa xunto co carbón para producir enerxía, pero as probas non se poderán iniciar até o mes de marzo. Con todo, o responsábel sindical é optimista. "As primeiras probas foron ben, aínda que empregaron lodos húmidos. Agora os deixan secar e iso permitirá mellorar os resultados".  

Coincidindo coa xornada de mobilizacións, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, aproveitou a súa visita ás Pontes co gallo de respaldar ás traballadoras na mobilización para reunirse co comité de crise de Endesa e trasladarlle as medidas acadadas no acordo de investidura que o BNG logrou no Congreso dos Deputados co PSOE de Pedro Sánchez, en especial o compromiso do Goberno español de facer as modificación normativas e lexislativas necesarias para que Galiza sexa incorporada cos mesmos dereitos que outros territorios aos plans alternativos de centrais pechadas. Rego agarda que "nun prazo de seis meses se asine un convenio de transición xusta para As Pontes" e, do mesmo xeito, "que ese convenio de transición xusta incorpore as partidas orzamentarias necesarias para garantir que vai haber novas actividades e tamén emprego na comarca".

Mesa de transición

Na xuntanza tamén recolleron a principal demanda das traballadoras, a  de por en marcha de maneira inmediata a mesa pola transición, na que están representados a Goberno español, a Xunta, o Concello das Pontes, os sindicatos, a empresa e os colectivos afectados, que velará polas medidas que se vaian adoitando, en especial as que afectan á industria auxiliar. "Isto pódese facer xa de maneira inmediata e dende logo o noso compromiso vai ser traballar para que haxa solucións o antes posíbel para As Pontes", insistiu Rego.

Comentarios